O nacionalismo, sempre e nesta conxuntura histórica máis, ten que servir para interrogar os galegos e as galegas e afirmalos sobre a súa propia existencia como pobo. Pode parecer unha parvada andar a escarvar nunha evidencia. Porén, son xustamente as evidencias o que ás veces non se queren recoñecer ou simplemente se anulan ou esquecen para vivir nun mundo ilusionista ou ilusorio, por máis que non conduza a nada positivo colectivamente. Tirando do fío da madeixa, as evidencias poden conducir á formulación de necesidades e instrumentos. Unha delas. a necesidade imperiosa de o pobo galego se expresar politicamente con liberdade e conciencia de si, dos seus problemas e da súa solución. De ser así, o nacionalismo aparecerá como a súa expresión política xenuína por colocármonos perante as evidencias e significar a expresión da vontade política propia e consciente do país. Naturalmente, non existe posibilidade de expresar a vontade política, libre e consciente, dun pobo que non conta con Estado de seu, se non recorre a instrumentos propios que só a vontade política fornece, á vez que esta a través deles se articula. Hai, pois, que contar coa necesaria e vital autoorganización, en todos os aspectos, e en particular no político, para poder combater, actuar, axir, definir, sinalar e decidir conforme aos propios intereses vitais, con total independencia de criterio. Nunha palabra para poder decidir libremente e conscientemente, para autodeterminarse. Finalmente, só desde esta perspectiva se poderá contribuír a acabar coa desigualdade e a hierarquía opresiva que unha unidade centralista, absorbente, imperial, fondamente antidemocrática, aplica, en nome da existencia dunha soia lexitimidade, neste caso, a da nación única e o Estado unitario español, “patria común e indivisíbel de todos os españois”, como reza o dogma constitucional.

Á luz da constatación das evidencias, da indicación das necesidades e a formulación de instrumentos, imos facer unha valoración dalgunhas situacións políticas internas e doutras externas que nos afectan, inquietan e deben levarnos a reaxir. Os últimos anos, en especial, estivemos padecendo o discurso “ilusionante” da unidade popular, destinado en exclusiva a debilitar o nacionalismo, como se o Estado español non contase xa de por si con suficiente artillaría xenuinamente españolista como para necesitar, desde a esquerda, máis metralla. Á vista do acontecido na Galiza, un pode xa constatar algunhas evidencias. A unidade popular, con exclusión de calquera postulado nacionalista, e moito peor, sen referenciarse para nada a Galiza, nin fundamentarse en obxectivos políticos propios do noso país como elemento aglutinador, evidenciouse unha penosa galimatías de intencionalidade simplemente electoralista, lastrada polos peores vicios da “vella política”. Á vista están: é difícil máis liortas, desencontros, traizóns, tacticismo barato, oportunismo, falta de transparencia, manexo das cúpulas, en menor espazo de tempo…Efectivamente dan sensación de mareo. Xa hai que ser dogmáticos ou interesados para aturar en silencio, con servidume, semellante barullo; hai que se moi ilusionistas ou ilusos para non se decatar de tanto teatro e aparencia para agochar práctica convencionais, endogámicas e propias das políticas máis reaccionarias…ou moi cínicos como para presentar semellante ensalada de intereses partidarios ou persoais como unha expresión de existir debate real….

Agora ben, non é isto o que xa importa. O que importa é o resultado, a evidencia política que fire, doe e entristece: mentres o nacionalismo galego estivo presente no Congreso dos Deputados, Galiza existiu politicamente, o pobo galego expresou os seus problemas e mostrou as súas análises e posicións sobre temas estatais ou internacionais, desde unha perspectiva galega. Non vou xa a referirme ao seu activismo parlamentar sobre cuestións e problemas concretos de Galiza. Con dous ou tres deputados, logrou, en contextos menos abertos e plurais que os de hoxe, ter unha actuación que repercutiu na solución de problemas concretos, e, de forma custosa e fráxil, pero real, estaba colocando Galiza como outra nación con aspiración e vontade política de seu: Catalunya, Euskadi, Galiza..Desaparecido o nacionalismo galego do Congreso, Galiza missing…Xa ninguén a cita. Polo demais, convido a consultar o Boletín do Congreso, sobre plenos e comisións, para comprobarmos o abismo cuantitativo e cualitativo, incluído o tempo de intervencións, entre a actuación do BNG con dous ou tres deputados, e a da sucursal galega de Podemos, con seis ou cinco. E véxome obrigado a sinalar esta evidencia, pois, conforme á mentira sen escrúpulos que caracteriza a algúns e algunhas, chegouse a afirmar, para xustificar a subordinación, mesmo formal, a Unidos Podemos, que no Grupo Mixto só se podía intervir tres minutos ao ano…Á vista da evidencia de a sucursal galega non ter significado mellora política algunha para Galiza no contexto estatal, os seus compoñentes non rifan por discrepancias de fondo, pois todo o resolve a poción da unidade popular, isto é, ben lido, sucursalismo de ruptura e república (española, claro está), como elemento redentor, e, miserias humanas comprensíbeis, que hai do meu. Isto é, conten cos elementos indíxenas, os que dicimos ser nacionalistas, para o reparto da tarta e do poder orgánico. E cada vez é máis claro quen manda de verdade e desde onde. Alguén, xustificando a alianza con Podemos, díxome nunha ocasión, após de describir as evidencias negativas e desoladoras da situación na Galiza, que urxían para unha nova aposta:”Paco, polo menos nos garanten o status de reserva india”. Calei e quedei, contristado, pensando para min. Galiza non podía por si mesma. Hoxe pode moito menos…

A evidencia incuestionábel, porén, é que o actual réxime corrupto e antidemocrático que padecemos ten a súa principal e real oposición no problema catalán. Só alí é posíbel social e políticamente unha república, naturalmente catalá. E, inevitabelmente, cun contido social, económico e cultural, alternativo e diferente ao modelo imperante no Estado español, pois é un auténtico movemento popular, da pequena e media burguesía ás clases traballadoras, o que sustenta a aspiración á independencia. Non é a oligarquía española con base en Catalunya, non é La Caixa, non é Gas Natural, non é Endesa, non son as transnacionais, non é Planeta….quen patrocina a independencia…Contra este movemento e esta aspiración tense montado a guerra suxa máis noxenta desde as cloacas do Estado español, e a máis antidemocrática, intolerante e deplorábel actuación política, con base a argumentos constitucionais, que non fan máis que evidenciar que non estamos nun Estado democráticos, pois nega a democracia, o dereito a votar para resolver problemas e conflitos, e usa de forma perversa os distintos poderes, especialmente o xudicial e o policial, como instrumentos de opresións e persecución contra os discrepantes. Nin é nun Estado descentralizado politicamente pois nada significa a autonomía como expresión de vontade política. Evidénciase así o Estado español como un Estado de estrutura xerarquizada e desigual, onde a única lexitimidade real é a do poder centralista, a do Goberno da nación única. Non é que discrepe coa independencia e faga todo o posíbel democraticamente para non se consumar. Non, é que impide que o pobo catalán poida expresarse libremente, resolvendo así un conflito que, por certo, está neste punto após unha experiencia incuestionábel de atropelo contra un proceso democrático lexitimado legalmente mesmo: un Estatut votado no parlamento catalán, aprobado polas Cortes con recortes, referendado polo pobo catalán directamente ao final, conforme todas as esixencias legais…e un tribunal central español, a instancia política partidaria, desbarátao, afirmando que pobo só hai un e vontade política so unha, a da nación española….Que democracia, que igualdade, que legalidade é esta?

O pobo catalán grazas a esta experiencia fíxose unha parte independentista, porque Catalunya non é viábel, con plenitude e liberdade, como pobo normal, dentro do Estado español; outra parte, desde unha posición democrática clara e para superar a situación, aceita que hai que votar, pois consideran que o actual status non vale e que é irrespirábel a política española, polo seu autoritarismo, o seu centralismo asfixiante e opresivo socialmente; e só unha minoría manifesta unha españolidade que aposta por os aparatos represivos do Estado seren quen de, coa política de intimidación, medo e ameazas, controlar a situación. Intimidación, medo e ameazas que se proxectan contra persoas significadas, lexitimadas polas urnas, presidentes e ex-presidentes da Generalitat, consellers, alcaldes…..Inhabilitacións, desafiuzamentos, xuízos sumarísimos con ameaza de cárcere, profanacións das institucións por parte da garda civil en conivencia coa fiscalía, montaxes con graves acusacións de corrupción que logo se demostra ser parcialmente falsos (caso do vello Pujol, *) ou totalmente falsos (caso de Mas e Trías), intervención directa e diaria do Goberno de Madrid nas contas da Generalitat…. A cada paso unha nova escalada de intimidación e represión, co artigo 155 da sagrada Constitución española, e mesmo a intervención do Exército, tamén constitucional, como pano de fondo, para garantir a sagrada unidade de España, isto é, a desigualdade, o centralismo, o imperialismo e a confesionalidade dogmática máis agresiva en negar o elemental, a evidencia: existe o pobo catalán e expresa unha vontade política.

Nós, o pobo galego, non estamos á marxe, neste conflito. Estamos a padecelo de forma aguda, doutra forma. A negación que os gobernos de España, e os seus secuaces aquí, fan de Galiza como pobo non ten parangón. Están a levarmos ao exterminio e á anulación, para aceitarmos submisamente unha españolización esperpéntica e suicida. O que pase en Catalunya e con Catalunya vai condicionar o noso futuro. De momento, para nós, só tres certezas: 1) necesitamos o instrumento nacionalista e a constancia na defensa de o pobo galego existir e ter dereito a expresarse como tal politicamente; 2) cautela e intervención coidada en función do estado da nosa conciencia colectiva, ben, silencio ou conivencia cos despropósitos, ameazas e represións do Estado español, nunca; 3) actuación política táctica e preocupación polos problemas concretos, a través da presenza institucional, necesario, pero atendendo á información e formación da nosa base social, en primeiro lugar, e do pobo galego, en xeral, coa defensa clara dos nosos postulados estratéxicos, evidenciando que, co actual marco legal, Galiza non ten futuro.

Coincido con quen me xustificou a unión coa esquerda española, pois nos garantía sermos polo menos unha reserva india, na súa descrición do estado deplorábel do noso país: emigración, envellecemento, falta de base agraria, eucaliptización, españolización lingüística e cultural…Non coincido no remedio. Sen acreditar na nosa capacidade nin considerarnos responsábeis principais do noso futuro, non haberá salvación. E francamente, cabía esperar da “nova política” e da “unidade popular” española algo máis de conciencia democrática, aliñándose claramente co dereito a votar, co referendo que os poderes públicos cataláns preparan para o un de outubro, e menos demagoxia barata e confusionista, coas súas propostas de concesións a Catalunya dentro do marco constitucional ou futuríbeis referendos como promesa. Por non falarmos da súa noxenta e indignante intoxicación de a “dereita” catalá apostar polo referendo independentista para agochar a súa corrupción, indicativa do ben que sirve a esquerda española á dereita española cando da unidade de España se tratar. Non vou calar perante tanto filibusteirismo e tanta demagoxia barata para confundir respecto do problema real e de fondo. Desde logo, nin Pablo Iglesias nin Alberto Garzón mostran a firmeza práctica nas súas conviccións e unha valentía similar, defendendo a súa causa nin o están pagando moi caro coas súas posicións prácticas, como, sen ir máis lonxe, mostrou e mostra Artur Mas, como tantos outros, padecendo a implacábel persecución do Estado español, pola súa coherencia, servizo ao seu pobo, e fidelidade aos compromisos derivados das urnas. Se actúan así con Catalunya. Que cabe esperar para Galiza?

*recomendo ver “Las clocas del Estado”

 

O artigo atópase en Terra e Tempo.gal: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4676&seccion=13