O vindeiro 8 de marzo mulleres de varios países do mundo estamos convocadas a un paro internacional, para reclamar unha igualdade real que nos permita desenvolver as nosas actividades diarias sen sermos discriminadas nin agredidas polo mero feito de sermos mulleres.

Convocamos folga para esixir a mellora das condicións sociolaborais das mulleres e o fin das discriminacións e agresións machistas. Como resposta aos salarios inferiores que percibimos as mulleres en comparación cos dos homes. Ao chan pegañento ou o teito de cristal que nos impide promocionar. Aos atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, que converten a Galiza na segunda comunidade do estado que máis demandas laborais presenta en relación con concrecións horarias de redución de xornada, permisos de lactación e por denegación de prestacións por risco no embarazo, e que forza a moitas mulleres a acollerse de xeito maioritario a solicitudes de excedencia por coidado que nos permitan exercer as tarefas de coidado que ninguén realiza.

Porque as xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os nosos contratos  temporais, o cal afecta aos nosos salarios, á nosa cotización, e diminúe a posibilidade de acceder a unha xubilación digna. Porque as mulleres seguemos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa, no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa integridade. Porque de nada serve aprobar protocolos de prevención e actuación ante o acoso, ante a violencia machista, ou planes de igualdade de oportunidades se estes son baleiros de contido, se non identifican as discriminacións, se non mudan o status quo. Porque é preciso amosar en todos os centros de traballo o contributo que fan as mulleres. A nosa situación de desvantaxe. As discriminacións que sofrimos.

Convocamos folga como consecuencia do fracaso das reformas lexislativas, como repulsa á pasividade ante a vulneración de dereitos. Mais tamén porque estamos fartas da hipocrisía que rodea o 8 de marzo. Da banalización dunha data, que mesmo é obxecto de comercialización para o capitalismo, felicitando ás mulleres e exacerbando artificialmente o seu papel na sociedade, vinculando sempre ese rol aos estereotipos que lle interesa expandir ao patriarcado. Ou ben é empregada como marqueting político por parte de quen conmemora o 8 de marzo, mentres aproba lexislacións e normas contrarias aos nosos dereitos.

Queremos recuperar o xermolo proletario e mobilizador que deu orixe á conmemoración do 8 de marzo, porque as mulleres somos todas traballadoras e como tales debemos esixir dunha derradeira vez por todas o cumprimento dos nosos dereitos, porque é preciso que a economía dos coidados estea no epicentro das políticas públicas, e porque o acoso, as agresións e a violencia contra as mulleres teñen que rematar.

En Galiza convocáronse preto de 14 folgas xerais dende a caída da ditadura franquista, e foron innumerábeis as xornadas de loita nas que as centrais sindicais combinamos paros parciais, asembleas e manifestacións. Mais esta convocatoria vai ser a primeira vez na que as galegas seremos convocadas a saír do noso traballo, para concienciar do traballo que fan as mulleres, que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos, visibilizaremos o traballo aportado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento, e marcharemos xuntas en mobilización amosando o poder da nosa unidade.

E farémolo só as mulleres,porque é preciso visibilizar a nosa loita, o espazo que ocupamos na sociedade, mais facendo un chamamento aos homes para que apoien as nosas reivindicacións, non secundando á folga, pero si participando no debate e na asunción dos motivos que nos levan a ela. En todas e cada unha das asembleas que se fagan nos centros de traballo, pero tamén nos fogares, nas asociacións, nas organizacións das que formamos parte. Levemos a problemática das mulleres a todos os recunchos da sociedade. A tolerancia cero cos comportamentos machistas que permanecen ocultos (e non tan ocultos) en todas as esferas. Os homes que queiran amosar a súa solidariedade coa loita que colaboren na difusión da convocatoria. Que fagan o posíbel para arroupar ás compañeiras cando estas paren. Que asuman as tarefas de coidado como propias. Que as acompañen na esixencia das súas reivindicacións.

Implicar aos homes no debate é revolucionario. Facer falar aos delegados sindicais, aos traballadores, mesmo en empresas masculinizadas, da situación de acoso sexual e laboral que viven as mulleres, da fenda salarial existente, da violencia que sofren a mans dos homes, romper con  condutas paternalistas que relegan ás mulleres a un rol secundario, é unha prioridade. A violencia exercida contra as mulleres en todas as esferas da vida require dunha resposta social. Hai que romper coa compoñente hipócrita. Cos linchamentos mediáticos cando se publica unha nova relacionada cun feminicidio ou cunha violación. E implicarse na loita individual e colectivamente, non ante casos puntuais, senón no día a día.

Deixemos de compartir solidariedades baleiras de contido nas redes e amosemos a nosa repulsa real á desigualdade e á violencia. Que os acosadores, os agresores e os violentos sintan nas súas carnes o poder do desprezo. Facerlles ver o que son: uns covardes. Illalos socialmente. Acusalos co dedo. Son eles os que teñen que modificar os seus hábitos, as súas condutas e non as mulleres. Porque temos claro que o sistema non protexe ás vítimas. É falso. Revitimiza ás mulleres. E o que é pior, desposúe ás mulleres de algo que é vital: a esperanza de poder voltar a ser libres. Temos que facerlles ver aos maltratadores, aos machistas que viven en demasiadas casas preto de nós, nos nosos centros de traballo, nas asociacións culturais e deportivas nas que participamos, nun posto de poder, que non imos permitir un só ataque máis. Se sodes homes: encarádevos e repudiádeos, que noten o baleiro do seu propio xénero. Nós, creamos redes de apoio. Temos que facerlle ver a todas as mulleres bravas que pese a ter todo en contra deciden rachar coa violencia e coa discriminación, que non están soas nesta loita.

As mulleres levamos séculos aturando agresións e ataques aos nosos dereitos. Asasináronnos por querer vivir libres, por querer estudar, por querer votar, por querer divorciarnos, por pretender ter acceso a métodos anticonceptivos, por querer ter un contrato de traballo, por negarnos a unha violación, por denunciar, por manifestarnos. Queimáronnos vivas por bruxas. Mutiláronnos para evitar que desfrutemos do sexo. Obrigáronnos a denunciar. E cando o fixemos, non nos creron. Mais non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. O 8 de marzo imos amosarlle ao mundo que outro sistema é posíbel.

 

O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4853&seccion=13