Discurso de Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG, na sesión de clausura do XVII Congreso da UMG.

Camaradas, amigas e amigos:

Quero, antes do máis, en nome do Comité Central do Partido e do meu propio, parabenizar a UMG por esta exitosa xornada de debates e polas decisións e resolucións adoptadas que teño a certeza de que servirán para manter o rumbo certo e para a mocidade comunista galega contribuír de maneira decisiva para o avance do nacionalismo e do proceso de liberanción nacional e social da Galiza. Parabenizar tamén o novo Comité Nacional e o Secretario Xeral eleito, Paulo Ríos, que teñen por diante o importante desafío de dirixir con acerto a organización nos próximos anos. E por último, recoñecer o valiosísimo traballo desenvolvido polo anterior Comité Nacional, con Adrián Bravo á frente, en momentos especialmente complexos para a UMG e para o conxunto do nacionalismo, que, sen dúbida, supuxo un impulso esencial para chegarmos até aquí.

A Unión da Mocidade Galega vén de conmemorar hai uns meses o 40 aniversario da fundación, naqueles días difíciles e esperanzadores de 1977. Hoxe, case 41 anos despois, a UMG pode ollar para atrás co lexítimo orgullo do inmenso labor realizado e de ter incorporado, ano após ano e até hoxe mesmo, centenas de mozas e mozos chamados a ser militantes activos, cadros políticos e dirixentes da causa da Revolución Galega. A UMG é hoxe unha organización viva, cos seus acertos e cos seus erros, cos seus éxitos e coas súas dificultades. Mais non debemos esquecer que se os éxitos encoraxan a continuar e permiten avanzar, é das dificultades que máis se aprende, e a determinación e a capacidade de superalas tempera o carácter revolucionario da organización e da súa militancia.

Tivestes -tivemos- importantes leccións neste sentido nos últimos tempos. Experiencias que nos impelen a reflectir, a debater e a actuar para corrixir todo o que deba ser corrixido e tamén para nos reafirmar nunha orientación política patriótica que é a única que pode levar o noso povo á vitoria. Non esquezamos que estamos chamados -e cando digo nós non me refiro apenas ao noso Partido nin ao nacionalismo, senón ao povo galego- a realizar a proeza histórica de romper as cadeas da dependencia e de conquistar a liberdade. Por iso se, como dicía, esta organización pode deitar o ollar para atrás con orgullo, mesmo sabendo que é inxente o traballo que fica por facer, pode ollar con confianza o futuro desde a certeza de que este Partido non deixará, nunca, de loitar pola liberdade da nosa Patria até a termos conquistado.

En todo o caso, como non pretendo que esta intervención resulte excesivamente longa mais tampouco estritamente protocolaria, quero determe brevemente en algúns aspectos que fixeron parte das vosas reflexións neste debate congresual e que acho importantes. Son reflexións, algunhas delas, que temos feito en moitas ocasións no Partido -por acaso aínda no último Congreso realizado tamén aquí en Pontevedra- mais que convén sempre actualizar.

O lema deste voso XVII Congreso, ‘Organizando a Revolución, liberando a Patria Galega’, dános a chave de cales son para nós as tarefas esenciais e de como traballar para realizalas. O obxectivo que temos por diante, a revolución que temos que organizar non é aínda a revolución socialista, mais a Revolución Galega, a revolución nacional democrática e popular que torne a Galiza nunha nación libre e soberana. É non é un obxectivo menor, moi ao contrario, é unha tarefa inmensa que hoxe mesmo parece colosal, mais que seremos capaces de realizar. E tende a certeza de que cando o logremos, non só teremos escrito unha páxina brillante na historia do noso povo, senón tamén na da historia da humanidade, na da loita pola liberdade en toda a parte. Teremos contribuído desde o noso País para crear un mundo novo e mellor, de povos libres e de mulleres e homes libres.

O noso Partido vén dunha tradición nacionalista xa centenaria de loita por unha Galiza libre. A súa fundación en 1964 respondeu fundamentalmente á necesidade de recuperar o nacionalismo organizado e actuante politicamente após a deserción dos que tiñan a obriga de manter o facho que ergueran Castelao e Bóveda. Iso si, fíxoo desde unha perspectiva nova, marxista, que implicou unha análise materialista da realidade, da conformación da nación galega e da súa situación colonial e, en consecuencia, tamén a articulación dunha alternativa de nacionalismo popular, vinculado directamente á clase traballadora e ás clases populares galegas e de matriz anti-imperialista. Supuxo, por tanto, un salto cualitativo que tamén viraría en cuantitativo, até conformar un nacionalismo que ten unha sólida expresión política e unha forte implantación entre a clase traballadora, especialmente a través da Confederación Intersindical Galega, hoxe xa a primeira central sindical deste País.

Así pois, se como Partido Comunista Patriótico o noso obxectivo final é o socialismo, a nosa tarefa inmediata é a conquista da independedencia nacional da Galiza. Primeiro, porque somos patriotas, galegas e galegos que amamos o noso País e non podemos permanecer impasíbeis diante da negación e da opresión, nin tampouco frente ás consecuencias sociais que acarreta para a nosa xente, para as clases populares galegas. Mais tamén porque a experiencia histórica nos indica que nunha nación colonizada como a nosa a construción dunha sociedade socialista pasa necesariamente por romper previamente a dependencia e exercer a soberanía.

E este obxectivo implica inexorabelmente priorizar na teoría e na práctica a auto-organización do povo galego e, ao mesmo tempo, estabelecer as alianzas políticas no plano nacional. O frentismo que sempre defendeu o noso Partido, ten precisamente ese sentido: organizar o noso povo, da forma máis ampla e plural posíbel, de modo a acumular forzas para a conquista da soberanía. Se unha nación aspirar a ser libre, ten que comezar por actuar politicamente con plena liberdade. E isto, que xa o sabían os homes e mulleres que hai 100 anos participaron na Asemblea Nacionalista de Lugo, parecen esquecelo algúns que se din nacionalistas ou independentistas e, no entanto, traballan para forzas políticas españolas que se opoñen na práctica ao exercicio do dereito á autodeterminación das nacións que aínda facemos parte do Estado español. Aquí, como na vida, máis importante que o que se predica é o que se practica. Se non houber coherencia entre unha cousa e outra estamos claramente diante dunha fraude política.

Quero referirme tamén á relación que debe existir entre teoría e práctica política e á necesaria coherencia entre ambas. Cantas veces temos a sensación de que hai persoas que falan para se sentiren satisfeitas consigo propias sen se preocuparen, no entanto, de que as súas posición e o seu traballo teñan utilidade política práctica? Forménomos e reafirmémonos na nosa ideoloxía, mais sempre evitando caer en ideoloxismos estériles que poden lastrar o noso traballo e o avance do movemento nacionalista.

Na historia do movemento revolucionario internacional foi esta unha tentación constante contra a que xa no seu día advertiu Lenin e que nós sempre procuramos afastar da nosa práctica política. O noso Partido nunca empregou o marxismo-leninismo de forma dogmática senón, -por certo, na mellor tradición marxista revolucionaria-, como ferramenta de análise e guía para a acción. Non adianta repetir doutrinariamente consignas como se fosen mantras. É preciso conectar cos problemas e as aspiracións do povo, no voso caso especialmente da mocidade e do estudantado, e darlles orientación política e forma organizada. Non é máis revolucionario quen lanza a consigna aparentemente máis radical, senón quen é capaz de analizar correctamente a situación e de axir para encamiñar acertadamente os conflitos, crear conciencia e incorporar novas persoas á organización e á causa do nacionalismo.

Mais para iso, camaradas, é premisa básica termos capacidade de iniciativa e vontade de traballar entre as masas, algo que nunca faltou nin falta na militancia da UMG. Debemos analizar, debater, acordar, mais despois actuar con decisión. Sen medo a nos enganar, pois é ben coñecido que só quen non actúa non se equivoca. Confiemos sempre na intelixencia colectiva e na nosa capacidade para trasladar as nosas razóns, para argumentar e para convencer a mocidade e o estudantado galego con que traballamos. Só quen non ten a razón do seu lado emprega a descalificación fácil, que non serve para convencer ninguén, moi ao contrario. Nunca foi esa a nosa práctica. A nós sóbrannos as razóns e tamén a capacidade de as defender con convicción.

Por último, quero abordar con clareza como debemos entender o noso papel do movemento nacionalista, alén de críticas interesadas e infundadas -tamén para evitar as que puideren estar fundamentadas- e para alén do tópico caricaruresco de que somos o ‘partido-guía’. Nada semellante está escrito nin hai -non houbo nunca- no nacionalismo funcións predeterminadas para ninguén.

Participamos, con outros moitos compañeiros e compañeiras, dun amplo movemento nacionalista plural e diverso que temos, iso sí, contribuído de maneira decisiva a impulsar desde hai cincuenta anos, quer na súa expresión política quer na súa vertente sindical e social, e diso podemos sentirnos orgullosos. Dito isto, o noso papel no movemento depende en exclusiva de nós propios e do noso traballo. Aspiramos lexitimamente a ser referentes pola corrección das nosas análises, polo acertado das nosas posicións, polo noso compromiso e capacidade de traballo, pola entrega da nosa militancia, pola coherencia, pola determinación con que abordamos as tarefas e os obxectivos políticos… Enfín, por todos ese valores que debemos sempre buscar e que fan que un movemento revolucionario poida avanzar socialmente. Así pois, a nosa preocupación permanente debe ser a de nos situar na vangarda por mérito propio, pola nosa actuación, non por ningún tipo de determinismo que non corresponde coa realidade.

Aliás, a defensa firme das nosas posicións debe ser feita sempre desde a humildade e o compañeirismo franco. Podemos equivocarnos, claro, mais esforzarémonos sempre por tentar acertar e por achegar propostas útiles e traballo práctico, avaliando e valorizando con igual criterio os nosos contributos e os de outros compañeiros e compañeiras con que compartillamos militancia nacionalista. Sabemos, ademais, que a norma á que antes fixen referencia de que os debates se gañan con argumentos e non con descualificacións é especialmente importante nos espazos unitarios en que participamos con outros compañeiros e compañeiras. O respecto non está nunca desavindo coa firmeza das conviccións e a determinación para defendelas.

Amigas e amigos, camaradas, vides de actualizar as vosas análises e de pór ao día propostas e liñas e métodos de traballo para afrontar os próximos anos nun contexto complexo mais en que tamén aspiramos a reforzar o movento estudantil e xuvenil e o conxunto do movemento nacionalista. Teño a certeza de que os vosos traballos serán útiles para os obxectivos marcados. Mellorar a formación e o funcionamento da mocidade partidaria, aumentar a capacidade de inflencia política, reforzar a autoorganización do estudantado e da mocidade, contribuír máis activamente para o avance de Galiza Nova… todos eles son desafíos dos próximos tempos que entre todos seremos capaces de enfrontar con éxito. Tende a certeza de que nese camiño teredes sempre todo o apoio do Partido.

Mais a Unión do Povo Galego tamén vos quere pedir hoxe algo. Mantédevos sempre firmes no voso compromiso patriótico e revolucionario, traballade cada día como se a Revolución fose a acontecer mañá, mais persistide sempre e non perdades nunca a alegria e o entusiasmo que vos caracteriza. A lealdade á causa da independencia nacional da Galiza e do socialismo é a chave para triunfar. Nas vosas mans está que o soño dunha Galiza libre sexa máis cedo do que tarde unha realidade.

Viva a Unión da Mocidade Galega!
Viva a Unión do Povo Galego!
Viva Galiza ceibe e socialista!