Ouvimos dicer que morreu Bautista Álvarez. Nós sabemos que non é verdade. Sabemos que as persoas que entregan a súa vida a unha causa xusta non morren nunca. Poden deixarnos fisicamente mais permanecen para sempre na nosa memoria, acompáñanos o seu exemplo e encoráxanos a continuar. E que causa poderá haber máis xusta que a da liberdade? Que causa máis necesaria que a da emancipación do povo galego, dos traballadores e traballadoras do noso País? Que causa máis nobre que a da liberación da nosa Patria? Que causa máis lexítima que a da independencia da nosa nación?

A esa causa, a da liberdade da Galiza, dedicou Bautista toda a súa vida. Desde moi novo comprometeuse, en tempos difíceis, na defensa da lingua e da cultura galegas e arriscou a súa vida e a súa liberdade para impulsar – após a deserción dos que nada querían arriscar- a reorganización política do nacionalismo galego, agora xa claramente desde unha perspectiva popular e antiimperialista. Axudou a construír unha forza capaz de sumar a enerxía libertadora da loita de liberación nacional e da loita dos traballadores e traballadoras galegas contra a explotación capitalista até acabar conformando unha organización partidaria e combativa, a UPG, que conta xa cunha traxectoria de máis de cincuenta anos de traballo initerrumpido en prol dunha Galiza libre e socialista. Mais de trinta, a propósito, con Bautista Álvarez como presidente.

Non foi, por tanto, o compromiso de Bautista, como tantas veces acontece, intenso, rutilante e no entanto efémero. Foi intenso, si, e brillante, mais tamén permanente, constante, continuado, inaccesíbel ao desalento, e exemplo de firmeza e de lealdade á súa Patria e ao seu povo. Da estirpe dos bos e xenerosos, comunista e patriota galego exemplar, entendeu desde cedo que se a emancipación de clase dos traballadores e traballadoras galegas estaba intimamente ligada á loita pola soberanía da Galiza e que a primeira non podía realizarse sen a segunda, iso exixía conformar unha organización nacionalista o máis ampla e plural posíbel que abandeirase a conquista da soberanía nacional.

A ese labor dedicou xenerosamente grande parte dos seus esforzos políticos, de 1982 en diante, como dirixente e como deputado do Bloque Nacionalista Galego. E a defender a necesidade dunha frente nacionalista que encarnase a auto-organización do povo galego destinou tamén boa parte da súa produción teórica, hoxe recollida nos tres volumes das súas Obras Escollidas que non só son de recomendábel lectura, como nos lembrou a compañeira Pilar García Negro, senón tamén terra fértil en que continuar cultivando e facendo medrar e florecer a árbore da liberdade.

Bautista Álvarez

Desculpade se dediquei moito tempo -nun acto de despedida e tributo que necesariamente ten de ser breve- a trazar algunhas liñas da traxectoria política de Bautista. Non é que esquecese o home, a persoa. Non. É simplemente que me preocupa a facilidade con que este noso país esquece e minusvalora os seus adaís e os seus heroes cotiáns. Infelizmente, non é doenza de que estea libre o nacionalismo. Contra iso tamén temos de combater. E teño a certeza de que, se o fixermos, a figura política de Bautista non fará mais que se agrandar ano tras ano.

Aliás, o percurso político e vital de Bautista Álvarez están intimamente ligados, como poucas veces acontece. Sendo así, creo que todas as persoas que tivemos a sorte de coñecer persoalmente o Bautista compañeiro e militante, tamén coñecemos o Bautista humano. Todas as que tivemos a oportunidade de convivir con el poderiamos contar cen anécdotas que ilustran a súa personalidade, a súa maneira de ser, sempre interesado en coñecer, en falar, en debater; sempre disposto a escoitar mais tamén sempre predisposto a defender con convicción, con paixón, mesmo con vehemencia as súas posicións políticas ou as súas opinións sobre o que queira que for. Era, como todos e cada un/ha de nós, un ser humano, sinxelo e ao tempo complexo. Foi a súa capacidade de entrega xenerosa, a firmeza das súas conviccións, o seu talento para a análise da realidade social e política, mais tamén a súa paixón e vehemencia, o que o tornou un líder político e referent excepcional para varias xeracións de galegas e galegos.

Hoxe estamos aquí para despedilo. Ao dirixente político, ao patriota, ao camarada; tamén ao home, ao amigo. E cada vez temos máis claro que non, non morreu Bautista. Hoxe, como o guerreiro rexo que retorna á súa casa, subiu con nós o outeiro até alcanzarmos as portas deste magno castro de San Cibrán das Las que para el é paisaxe familiar, territorio da infancia; desta citania, desta grande cidade do seu tempo que moi ben pode representar a grandeza que é capaz de alcanzar unha Galiza dona de si. Subiu con nós o outeiro Bautista ao son da Marcha do antigo Reino e xa nos acompañará sempre até conquistarmos a nova República.

Estará nas bandeiras que nos marcan o camiño, no combate ideolóxico necesario para gañarmos a batalla das ideas, no traballo de concienciación nacional e social, nas mobilizacións populares, no labor de auto-organización do povo galego que tanto o preocupaba. Estará, con certeza, nas rúas de Compostela e na Praza da Quintana no Día da Patria e tamén no día en que, como predixo Castelao, os sinos de bronce anuncien a alborada de gloria, o día da vitoria.

Ouvimos dicer que morreu Bautista Álvarez. Nós sabemos que non é verdade. Déixanos fisicamente, mais temos a certeza de que as persoas como Bautista nunca morren, que permanecen para sempre na memoria e no corazón do povo, no corazón da nosa Patria. Bautista Álvarez viviu para a Galiza. Fixo norma da coherencia política e da lealdade á causa do povo galego e da liberdade da nosa Nación. O seu contributo ao nacionalismo galego e ao País foi inmenso e o seu legado continuará alimentando e fertilizando incansabelmente a nosa loita que debe continuar, que vai continuar, pola independencia nacional e o socialismo. Por iso ficará sempre connosco. Que a terra che sexa leve. Até a vitoria sempre, camarada.

 

Palabras pronunciadas no acto de despedida e tributo a Bautista Álvarez, no Castro de San Cibrao das Las (San Amaro)