É enormemente alentador o grao de resposta popular, impulsado polo feminismo, á indecente sentenza do caso da ‘Manada’. E non apenas pola existencia de mobilizacións masivas, mais porque por unha vez amplos sectores da sociedade cuestionaron de forma aberta e rotunda unha resolución xudicial. Sen dúbida a isto, para alén do escandaloso da propia sentenza, contribuíu o importantísimo crecemento da conciencia feminista que xa se expresou con rotundidade no pasado 8 de marzo. Unha conciencia que se traduce na determinación das mulleres para enfrontar o machismo e as súas consecuencias alí onde se producir.

Mais digo para alén do escandaloso da propia sentenza porque, infelizmente, non é esta a primeira resolución xudicial vergoñosa en casos de estupro ou maos tratos en que xuíces e tribunais dan máis credibilidade aos agresores que ás vítimas e resolven contra toda evidencia. Nestes días precisamente, medios e persoas bascas lembraban o caso de Sandra Barrenetxea, que denunciou ter sido torturada e agredida sexualmente por catro gardas civís que, no entanto, resultaron absoltos. Isto aconteceu aínda onte, no ano 2017.

Por iso, como dicía, é un feito esperanzador que esta vez a sentenza fose contestada socialmente con absoluta contundencia. É un paso que debe conducir, en primeiro lugar, a unha resolución xusta neste caso, con castigo para os culpados, mais tamén a conformar un estado de opinión colectiva que impida novas actuacións xudiciais que vulneren os dereitos, a igualdade e a dignidade das mulleres.

No entanto, a pesar do grao de contestación existente, o grande risco é que para boa parte da sociedade a sentenza sexa vista como un caso isolado, como resultado exclusivamente da actuación dun tribunal machista. E é claro que o é, mais non só. É na realidade a perfecta representación da xustiza española, profundamente retrógrada, clasista, sexista e españolista, como corresponde a un aparello xudicial herdado da ditadura, en que os seus membros non foron removidos na chamada transición e tivo vía libre para se reproducir nas mesma coordenadas ideolóxicas.

Digámolo entón con absoluta claridade: a ‘xustiza’ que desamparou a muller vítima da ‘Manada’ é a mesma que pisoteou os dereitos e a dignidade de moitas outras mulleres vítimas da violencia machista, mais tamén a mesma que condena cantores polas letras das cancións, que fecha xornais, que secuestra libros e revistas, que criminaliza o dereito de folga, que persegue activistas e sindicalistas e que encarcera dirixentes políticos independentistas polo ‘delito’ de exercer a democracia co dereito de voto.

A dimensión do problema é, por tanto, ben maior. O aparello xudicial é un dos principais baluartes do rexime español e non dubida en empregalo -mesmo prescindindo das formas propias dunha democracia formal se for preciso, como no caso de Cataluña- na defensa dos intereses de clase da oligarquía española, esencialmente a economía de mercado e ‘Unidade de España’, quer dicir, o capitalismo a opresión das nacións que aínda facemos parte deste Estado.

É, por tanto, unha cuestión básica de democracia. Grazas ao proceso catalán (e digo ben Grazas e non Por culpa como fai a chamada esquerda española) ficou ao descuberto a verdadeira face, autoritaria, españolista e fascistoide, do rexime político español. Mais o nacionalismo popular leva décadas denunciando as prácticas represivas exercidas por medio da violencia policial e das resolucións xudiciais que tiveron sempre como albo predilecto os movementos nacionalistas, o sindicalismo combativo e, en xeral, as reivindicacións populares.

Acontece que nun momento de crise e de ameaza para o rexime, a reacción deste tórnase aínda máis virulenta e opta por impor a política do medo. Esa é a lóxica da ‘Lei da Mordaza’ ou das actuacións policiais e xudiciais contra o independentismo catalán. Quen pensase que a vaga represiva só ía afectar a Cataluña, engánase. Se ben é verdade que o estado se aplicou aí con especial dureza, a mesma dinámica serve para tentar frear as reivindicacións sindicais ou calquera outro conflito que teña por obxectivo defender dereitos e intereses nacionais ou populares. No noso País temos aínda dous exemplos próximos: a condena de cárcere aos sindicalistas Carlos e Serafín e o recente intento -por fortuna fracasado- de criminalizar o dereito de folga levando a xuízo a CIG polo conflito das auxiliares de Navantia.

En todo o caso, se a cuestión das actuacións da xustiza española alcanza políticamente unha dimensión maior é porque é un problema estrutural. Ten a ver coas carencias democráticas do rexime español saído da Transición e da Constitución. Mais para as forzas unionistas a súa defensa é vista claramente como unha cuestión de Estado como o mostra o facto de que todas as asociacións xudiciais -incluídas as que se denominan ‘progresistas’- saísen ao unísono a criticar a contestación á resolución xudicial de Pamplona e a defender a sentenza. Ou aínda o baixo perfil na crítica -na práctica silencio cómplice- por parte da esquerda española ao atropelo xudicial aos dereitos e liberdades do povo catalán e dos seus dirixentes.

Foi precisamente no caso da Cataluña onde isto foi evidenciado con absoluta nitidez. Unanimidade das catro principais forzas políticas españolas en tirar lexitimidade ao referendo de autodeterminación de 1 de outubro. A posición da chamada esquerda, lonxe de apoiar e aproveitar o momento de crise do rexime para -como pregoaban- “abrir o cadeado de 78”, limitouse no máximo a sinalar cuestións de formalidade democrática, mais coincidente no esencial e obxectivamente útil ao mantemento do modelo constitucional actual. Mesmo con algúns dirixentes, como Alberto Garzón, rivalizando con Albert Rivera nos ataques ao independentismo catalán.

Así pois, fica evidente para quen quixer ver que nin os problemas da Galiza como País nin o problema da democracia real teñen solución co modelo constitucional e autonómico. O nacionalismo galego sabe perfectamente que o Estado español é irreformábel. Éo porque nunca aceptará -como está a demostrar- a existencia de nacións diferentes da española, como Galiza, Euskal Herría ou Cataluña, que teñan a capacidade de exercer democraticamente os seus dereitos nacionais, comezando polo dereito de autodeterminación. Niso, como vimos, todas as forzas políticas españolas concordan.

Mais é mesmo irreformábel do punto de vista dun funcionamento realmente democrático porque implicaría precisamente aceptar o exercicio práctico dos dereitos colectivos dos povos e de todas e cada unha das persoas que os conforman. E o mantemento da ‘unidade de España’ é colocada sempre por diante de calquera outra consideración, mesmo que afecte dereitos e liberdades fundamentais. Cando até a esquerda española cala ante a existencia de presos políticos por defenderen o dereito de voto polo feito de seren independentistas cataláns, fica claro que nada podemos esperar de España.

Así pois, construír unha democracia real na Galiza depende de nós, mais exixe liberdade política para poder facelo. Temos moitas razóns para traballar pola soberanía e garantir a democracia é máis unha delas, e fundamental. Podemos concordar en que, á partida, a defensa da soberanía para a Galiza está ligada ao facto de sermos unha nación colonizada, privada da capacidade de decidir en función dos seus intereses e, por tanto, tamén á necesidade de nos libertarmos das nefastas consecuencias da dependencia en todas os ámbitos da nosa vida como povo.

Temos razóns políticas que nos lexitiman sobradamente: toda nación debe poder, mesmo conforme o dereito internacional, exercer a súa autodeterminación e tornarse, se así o decidir, nun País libre e soberano, nun estado independente. Mais, para alén diso -que sería lexitimación suficiente, pois lembremos que o dereito de autodeterminación é un dereito democrático fundamental- temos a necesidade de romper o círculo vicioso da dependencia en que nos meteu dominación española: espolio dos nosos recursos, marxinación da nosa lingua e cultura, emigración, desemprego, precariedade, pobreza… Un País rico que non ten a capacidade política de decidir por si como empregar esa riqueza para beneficio propio e do seu povo.

Mais, aquí e agora, pór fin a toda a podremia e corrupción en que estamos envolvidos polo rexime monárquico español, as súas institución políticas, o seu sistema xudicial ou o seu aparello de propaganda mediático e levantar unha sociedade realmente democrática e libre require romper a submisión e dependencia política e axir como unha nación libre. A República Galega é realmente a nosa (única) oportunidade de construír na Galiza unha verdadeira democracia. Tamén para iso precisamos de soberanía.

O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4984&seccion=13#