A saída de Mariano Raxoi do Goberno español era un imperativo, en termos democráticos, mais tamén por pura necesidade social. Mais non se trataba apenas de desaloxar do executivo a un líder concreto, con nomes e apelidos, nin tampouco a súa formación política, o Partido Popular. O imperativo era desaloxar as políticas de saqueo que a dereita españolista continuou, desenvolveu e profundou, seguindo a partitura encetada polo PSOE do artigo 135 e con obediencia aos ditados da Unión Europea. Un primeiro chanzo, necesario pero non suficiente para a verdadeira tarefa: superarmos, por vía da ruptura, o marco podre do réxime político español.

En consecuencia, é razoábel que a súa censura teña sido recibida con satisfacción e a investidura de Pedro Sánchez aberto expectativas. No entanto, o relevo, que é máis recambio que mudanza, na cabeza do executivo español non é, nin moito menos, garantía de que se vaian acometer cambios reais e efectivos. Moi ao contrario. Así o visa o compromiso, reiterado e explícito, de Sánchez de executar, sen mover unha coma, os orzamentos xerais do Estado antisociais (e antigalegos) elaborados polo PP e, sobre todo, a súa abnegación en se ratificar nos compromisos con Bruxelas. Isto é: en non se desviar un ápice da folla de ruta da austeridade, dos recortes en nome da sacrosanta contención do gasto (social).

Aliás, o inmobilismo atinxe tamén a cuestión territorial. Apenas días despois da agre competición entre Sánchez e Rivera por demostrarse cada quen máis reaccionario e máis españolista do que o outro, o novo presidente insiste na defensa totémica da Constitución española como garante da unidade de España. Destarte, o bloque do 155 que contou co activa anuencia do PSOE, cambia de ton, de maneiras, cunha máis aparente que real disposición ao diálogo. Pero diálogo de xordos, para seguir enxordecendo a berros de “España, España, España” as aspiracións de Catalunya e das restantes nacións encadradas, á forza, no Estado. Por outra parte, esa vaga chauvinista, a ofensiva brutal do españolismo que enfrontamos, desenvólvese tamén a través dun crecente autoritarismo, co recorte de liberdades e a criminalización de quen discrepa. A este respeito, que Sánchez se teña limitado a eliminar os aspectos máis controvertidos da Lei Mordaza, mais sen dicir ren da reforma regresiva do código penal, é un xiro cínico en quen só hai semanas reclamaba que se impoxuse o acatamento da Constitución e o respeito da monarquía nas tomas de posesión de cargos públicos, ou mesmo se atrevía a propoñer unha reforma da figura penal do delito de rebelión para endurecer o seu alcance e punición mesmo para situacións sen violencia.

Do PSOE certamente non hai motivo razoábel para podermos agardar algo que non sexa unha continuidade con matices. Expresábao ben a voceira de EH Bildu no debate da moción de investidura, ao sinalar que se ben PP e PSOE non son estritamente o mesmo, non son tampouco cousas moi diferentes. De facto, o groso do paquete de reformas que empurrou o saqueo antisocial e antiobreiro, e máis o proceso de recentralización do Estado, ten a sinatura conxunta de ambas as dúas patas do bipartidismo sistémico, monárquico e españolista. O PSOE poderá matizar a reforma das pensións de 2013, mais non moverá coma na de 2011 coa que atrasou a idade de xubilación aos 67, ampliou o período de cotización ou dificultou a xubilación anticipada. Poderán facer chiscadelas simbólicas en materia laboral, mais non alterará o marco precarizador que se deseñou desde o inicio da crise.

No plano nacional, Galiza seguirá tan invisíbel como até agora. Se os votos do nacionalismo catalán e vasco lograron facer valer o seu peso parlamentar para poñer o foco nas súas realidades e necesidades, o ficticio subgrupo parlamentar da Marea non foi quen nin de lograr que o seu xefe de filas lembrase a terceira “nacionalidade histórica”, status reivindicado por boca de Fernán Vello nos seus dous minutos máis de pena que de gloria. Sen peso político en Madrid e cun goberno autonómico sometido aos intereses electorais do PP, nunca como antes se sentiu a ausencia dunha voz galega propia no Congreso.

Diante deste panorama, non se pode infravalorar o efecto que a nivel sociolóxico pode suscitar o relevo na Moncloa. No sentido de que a expectativa creada, por inverosímil que (nos) poida parecer aos segmentos máis conscientizados, pode acabar por servir dun potente narcotizante que anestesie a incipiente resposta social, que nos últimos meses estaba a vigorar. Agora ábrese unha pausa, unha paréntese, onde a inercia gañará terreo ao activismo. Emporiso, a nosa tarefa non se pode limitar a visibilizar as necesidades nacionais e sociais do noso pobo, senón tamén a axirmos, en todos os niveis e ámbitos, como un motor que incentive a mobilización e sobre todo que estea en condicións de dar resposta, en termos de conflito e de alternativa, á inevitábel frustración que provocará a acción de goberno do PSOE. Porque mudan as caras, cambian as siglas, pero o poder segue a estar nas mesmas mans e ao servizo do mesmo. E cando a farsa fique descuberta, nós deberemos estar prestos e prestas para pasarmos á contraofensiva, mantendo polo momento as trincheiras en alerta, advertindo do espellismo e impedindo nin a máis mínima desmobilización.

 

O orixinal atópase en http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=5017&seccion=4