A esquerda latinoamericana que, malia os retrocesos, permanece nunha posición de vangarda no ámbito internacional, fica atravesada desde hai varios anos polo debate a respeito do alcance dos procesos de transformación en curso. A chegada ao goberno de forzas progresistas e populares, logrou imprimir unha evidente reorientación das políticas nun sentido favorábel ás clases populares e traballadoras, desde o exercicio firme da soberanía mais, ao tempo, cun afán deliberado pola integración rexional no que denominan “Nosa América”. No entanto, os retrocesos electorais que se veñen de producir na Venezuela, no que a dereita opositora e reaccionaria atinxiu a maioría na Asemblea Nacional, en Arxentina, coa vitoria do ultraliberal Mauricio Macri nas eleccións presidencias ou no Brasil, co golpe ‘brando’ contra Dilma Rousseff, puxeron o foco nas falencias deses procesos.

Carlos Fonseca Terán, fillo do histórico líder sandinista, proclamaba recentemente a necesidade de a esquerda latinoamericana deixaren de “xestionar ben o capitalismo”. Segundo Fonseca, os retrocesos electorais e sociais sinalados tiñan causa, polo menos en parte, no contraste entre o alcance do xiro político implementado polos gobernos progresistas e as (novas) expectativas creadas no seo do povo, e singularmente entre as capas que foron promovidas desde a pobreza até posicións de maior confort socioeconómico. A cerna do problema sintetizouna Fidel Castro, poucas semanas despois do triunfo revolucionario en 1959: “a revolución non ten termos medios: ou triunfa plenamente ou fracasa”. No caso da esquerda latinoamericana, que a pesar de ocupar importantes espazos de poder político, no marco de institucionalidade burguesa, non atinxiu inda a conquista plena do poder por parte do povo traballador, a disxuntiva sitúase nun estadio previo, que enunciaba con acerto Fonseca: ou se profundan e radicalizan as mudanzas para facer irreversíbel os procesos de transformación [revolucionaria] ou estes colapsarán e serán derrotados polas poderosas forzas internas e externas que os axexan.

Ben é certo que xa quixermos nós que na Galiza o debate se situase nesas coordenadas, pois indicaría que o proxecto emancipador nacional-popular que representa o nacionalismo galego tería avanzado de maneira significativa e concitado, como ocorre do outro lado do océano, importantes cotas de apoio popular. No entanto, malia non encarar, como é obvio, as mesmas tarefas nin estar no mesmo grao de desenvolvemento que os procesos progresistas en América Latina, o debate arredor do alcance, da misión e obxecto, si que nos pode ser pertinente. No sentido de non nos entrampar en fases intermedias, nin caermos na trampa de que un ascenso electoral ou mesmo o retorno ao goberno galego, sexan meta nin fin de nada, cando en realidade serían apenas o inicio dunha nova fase na loita (socio)política, que apostando na construción dunha nova hexemonía social lle permita ao povo traballador, como suxeito do noso proxecto, a toma efectiva do poder real, que como sabemos –sob o capitalismo– nunca está nos Parlamentos, nin nos gobernos. Unha realidade agravada, no caso galego, pola forzosa dependencia á que nos somete o Estado español e mais a Unión Europea.

É pois, esencial, comprendermos que xestionar mellor a institucionalidade político-administrativa en favor dos intereses da maioría social, inda sendo a curto prazo un avanzo beneficioso para o povo, non implica unha mudanza real. Que transformar exixe modificar os límites, deconstruír a orde vixente como paso indispensábel para a construción dunha nova sociedade. Do punto de vista da acción institucional, esta perspectiva ten que se traducir no recoñecemento da existencia de límites obxectivos e subxectivos para a materalización dun programa avanzado de transformación. Constatalos, claro, pois existen. Mais recoñecer non significa asumir, nin aceptar. A experiencia de goberno do nacionalismo visa, por ter chocado reiteradamente contra eles coma un muro, que enfrontamos límites legais, administrativos ou institucionais. Mais tamén límites derivados da correlación de forzas, quer a nivel social, quer na representatividade institucional pola necesidade de apoio doutros actores. A cuestión non é actuarmos como se non existisen, con proclamas utópicas e ideoloxistas que coliden coa realidade material. Non. Mais tampouco resignarnos face a estes, dando por imposíbel ultrapasalos e renunciando, xa que logo, á disputa política [e non apenas institucional] necesaria para botalos abaixo.

No ámbito municipal, pola súa concreción e proximidade, esta cuestión tórnase, na miña opinión, máis doada de percibir e de comprender. É evidente que inda sendo goberno, mesmo contando cunha maioría de noso, a nosa actuación política vai tentar ser estrangulada polos corsés da legalidade vixente, que dificulta e mesmo quer inviabilizar a posta en marcha de políticas que ameacen o statu quo do réxime político español, subsidiario dos intereses do capital monopolista e a súa oligarquía empresarial e financeira. Vémolo cando se pretende abordar a reversión dos procesos de privatización dos servizos públicos, empurrados e en grande medida blindados pola lexislación española. Ou cando apostamos na insubmisión fronte os recortes impostos desde os gobernos da dereita de ámbito superior.

Diante disto, o camiño non é o de se conformar nin acomodar no raquítico marco do hoxe posíbel. Moi ao contrario, revolverse contra eses límites para tombalos, exixe en primeiro lugar da denuncia da súa existencia, da axitación social que permita abrigar co maior apoio popular as nosas posicións insubmisas e tamén, de a correlación o permitir, atravesalos a través da desobediencia coa forza da lexitimidade popular, construíndo na práctica espazos de contrapoder (popular) que eviten ficarmos nese perigoso ecuador do que falaba Fidel, e que sempre na historia se traduciu na derrota. Esa é a divisoria entre xestionar e transformar. Sen mudanzas estruturais non hai transformación.

 

O orixinal encóntrae en Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4596&seccion=13