Orgullosos do noso pasado, preparándonos para a Galiza do futuro

A Unión do Povo Galego ten determinado que a súa actividade pública sexa limitada, trasladando todo o protagonismo público á fronte patriótica da que participa, o Bloque Nacionalista Galego. Só as citas anuais que cada 12 de agosto nos levan a homenaxear ao noso camarada Moncho Reboiras, asasinado en 1975 en Ferrol, e os Congresos que convocamos periodicamente para actualizar as Teses e os órganos de dirección fan que UPG convoque aos medios de comunicación. Non podía actuar doutro xeito unha organización que desexa que todas as enerxías da familia nacionalista as dediquemos en espallar as ideas e a mensaxe do BNG.

Mais esa actitude é compatíbel con mostrar á sociedade galega o rico patrimonio teórico que a UPG foi acumulando ao longo do seu case medio século de existencia como Partido, onde a súa militancia participou en múltiples traballos para erguer –en colaboración con miles de patriotas- o actual movemento nacionalista galego. Esta pretensión é a que dá pé a ofrecer a partir de hoxe moita documentación –de interese xeral para a sociedade galega- do actuar da UPG desde a súa fundación formal en xullo de 1964.

A renovada páxina da UPG que poñemos en marcha ten como obxectivo central dar a coñecer documentos que teñan transcendencia na recente historia da nosa nación. De aí que o primeiro que publicamos son as resolucións dos 12 congresos que se celebraron até a data. O outro gran apartado é a colección enteira do “Terra e Tempo”, 125 números, na súa etapa en que a edición estaba a cargo do Partido. Convén lembrar que a publicación afronta unha nova xeira baixo a dirección da Fundación Bautista Álvarez, constituída no ano 2004, cadrando co corenta aniversario da creación do Partido, e que desde o 24 de febreiro de 2010 tamén ten unha edición dixital en www.terraetempo.com

Tamén publicamos textos e documentos de interese político e/ou histórico que iremos ampliando sensibelmente nos próximos tempos, pois aínda dará moito de si. Por último, está o apartado relacionado coa organización xuvenil da UPG, a Unión da Mocidade Galega, que conta entre os seus méritos con ser unha asociación de actividade ininterrompida desde o seu nacemento en 1977, sempre coa mellor disposición a aportar enerxías renovadas nos campos onde a súa militancia está presente

A páxina tamén vai ter “post” onde engadiremos novas, artigos, avisos e documentos de actualidade. Non é o fin principal do novo web mais non perderemos a ocasión de informar ou esclarecer as posicións da UPG cando a ocasión o requira. Ben, comezamos, coa ilusión e a forza que a UPG pon en cada unha das súas iniciativas: Sermos protagonistas e actores do noso futuro tendo como único guieiro o servizo á causa da nación galega e das súas clases traballadoras.