O pobo catalán a poucos días do histórico 1-O

Poble Lliure explica no Foro Internacionalista da UPG como encara o soberanismo a celebración do referendo de autodeterminación

O Foro Internacionalista da Unión do Povo Galego realizou dúas palestras arredor do procés soberanista en curso na Catalunya. Sob o título “Catalunya camiño da independencia”, as charlas tiveron lugar na cidade de Vigo e en Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de setembro respeitivamente. Nelas tomou parte Arnau Comas, membro de Poble Lliure, organización política integrada na Candidatura de Unitat Popular (CUP). Comas, ten unha importante traxectoria no ámbito municipal e desempeña na actualidade como concelleiro en Sant Esteve de Palautordera . Canda Comas, en Vigo interviu o responsábel de Relacións Internacionais da UPG, Duarte Correa, e o secretario xeral, Néstor Rego, fixo o propio en Santiago. Ambos os dous eventos concitaron unha importante audiencia, enchendo os aforos dos locais nos que se desenvolveron.

Con estas palestras a UPG quixo traer a Galiza a perspectiva coa que o soberanismo catalán encara a celebración do referendo de autodeterminación convocado para este domingo, 1 de outubro. Nese sentido, púxose en valor o esforzo realizado por Poble Lliure para participar nun momento no que o procés encara a súa fase final.

Proceso popular

Na súa intervención, Arnau Comas principiou realizando unha contextualización histórica. A este respeito situou o inicio do actual proceso soberanista en 2009, coincidindo co primeira consulta popular decorrida en Arenys de Munt. A maioría absoluta atinxida polo Partido Popular a nivel estatal en 2004, no segundo mandato de José María Aznar, traduciuse nunha ofensiva contra Catalunya deixando patente que no “proxecto nacional español” non cabía ningún encaixe para as nacións sen Estado que ultrapasase o actual marco autonómico. Esa ofensiva recentralizadora, foi seguida polo retallamento da reforma estatutaria, pactada por PSC, ICV e mais ERC, visando a resistencia frontal das forzas hexemónicas no Estado a modificar o deseño político nacido da chamada Transición. Por derradeiro, a partir do retorno do PP, en 2012, ao goberno español, a opción da “reforma” quedaba definitivamente abortada.

Para Comas, a chave para entender o salto cualitativo do independentismo na Catalunya é a converxencia dunha triple crise: a crise económica, iniciada en 2007 e que se traduce nun grave retroceso social, e no empobrecemento de importantes capas da clase traballadora e de sectores intermedios; a crise democrática, que xorde á calor das protestas sociais diante da crise e das políticas de recorte impostas polo neoliberalismo, e que supón un cuestionamento ao réxime político español nacido no 78; e mais a crise nacional, ao se constatar a inviabilidade de ningún avanzo dentro das costuras “autonómicas e da Constitución”. Diante desa tripla crise, o acerto do soberanismo, segundo Comas, foi formular o proxecto nacional catalán como resposta integral. “A independencia era a alternativa diante do problema social, da crise democrática e da crise nacional en Catalunya”, explicou.

Un dos aspectos nos que enfatizou a explicación foi o do carácter netamente popular do procés soberanista. “É certo que a diferenza das revolucións clásicas este proceso de ruptura ten un suxeito máis disperso, pero a transversalidade que o empurra é unha transversalidade popular, entre as clases populares de Catalunya”, sinalou. A este respeito, valorizou que os sectores intermedios, de pequena ou mediana burguesía, que fan parte do proceso se ben interveñen nel e teñen unha “incidencia limitada” non o dirixen nin o orientan.

Salientou tamén o alcance masivo e continuado da mobilización popular durante todo o proceso. “Podemos estar diante da mobilización popular de maior alcance, polo nivel de participación e de extensión no tempo, nos últimos 50 ou 60 anos en Europa”, afirmou. A chave para lograren ese nivel de participación e mobilización foi, na súa opinión, a aposta estratéxica en vertebrar espazos populares e autónomos, como a Assemblea Nacional Catalana, que serviron de motor do procés. Comas, recoñeceu que a dimensión masiva atinxida sorprendeu mesmo no seo da esquerda independentista. “A quen vivimos os procesos mobilizadores dos 90 resultábanos difícil comprender como en tan poucos anos o pobo catalán dera este salto”.

Acerto da posición pola ‘ruptura’

O desenvolvemento do procés visa, na opinión de Poble Lliure, o acerto das posicións que na altura da fin da Ditadura propugnaban a necesidade dunha ruptura democrática en contra do pacto da Transición. Unha posición que tanto a esquerda independentista catalá como o nacionalismo galego partillan, e que foi defendida con firmeza pola Unión do Povo Galego.

Expectativas

En relación ás expectativas coas que enfrontan a realización do referendo do 1-O, Comas puxo de relevo que o agravamento da ofensiva represiva –que tivo como cénit as detencións de 14 altos cargos do Govern a pasada terza feira, 20 de setembro–, marcou un punto de inflexión. “A represión do Estado provocou unha maior resposta social e popular como demostran as masivas mobilizacións dese día e dos seguintes. Claramente Madrid deu un paso en falso”.

No entanto, non é claro até onde chegará a pretensión do goberno español de impedir que o pobo catalán poida decidir libre e democraticamente ese futuro. “Do que estamos certos é de que hai unha clara vontade e moita determinación popular para votar. O día 1 de outubro é clave, porque vai determinar quen controla Catalunya: o goberno do Estado ou o movemento popular e as institucións catalás”.

Foro internacionalista

O Foro Internacionalista é unha iniciativa da UPG posta en marcha este ano que persegue crear un espazo de debate arredor da realdiade internacional, poñendo o foco sobre todo nos procesos populares de carácter antiimperialista e máis nos movementos de liberación nacional.

A UPG reiterou nestas palestras o pleno apoio do Partido e do conxunto do movemento nacionalista galego ao soberanismo catalán.