Pola defensa dos dereitos da clase traballadora galega e a soberanía da Galiza, organización e loita.

Neste 1º de maio a clase traballadora galega sae á rúa, convocada pola CIG, para reclamar a recuperación dos dereitos roubados nos últimos anos co pretexto da crise e para exixir a derrogación das normas legais que serviron para amparar o saqueo, especialmente a reforma laboral e a ‘Lei da mordaza’.

Neste anos, os traballadores e as traballadoras galegas viron recortados os salarios e as prestacións, empeoradas as condicións laborais, atrasada a idade da xubilación, deterioradas as pensións, cuestionada a negociación colectiva, e, en definitiva, precarizadas as súas condicións de vida. Todo isto en canto as grandes empresas lograron incrementar exponencialmente os lucros e a grande burguesía as súas fortunas, facendo que a sociedade en que vivimos fose aínda máis desigual e inxusta.

O noso País, rico en recursos e potencialidades, resultou empobrecido como consecuencia de políticas que prexudicaron o noso desenvolvemento, abocaron milleiros de persoas ao desemprego e a falta de expectativas e, en consecuencia, forzaron millares de mozos e mozas (máis de 130.000 nos últimos anos) a abandonaren o País e tomaren o camiño da emigración.

Ademais, as políticas coloniais que nos marxinan e prexudican como pobo (un modelo de financiamento que nos discrimina, o saqueo dos nosos recursos enerxéticos, os espolio do noso aforro e dos nosos impostos, as limitacións para podermos producir, a falta de capacidade política para decidirmos por nós propi@s…), contribúen para acentuar o deterioro das condicións de vida das clases populares galegas.

É claro que a situación é difícil e complexa, mais non cabe a resignación nin o desalento. Galiza ten futuro e os traballadores e traballadoras galegas ímolo conquistar. É preciso reaxir para rescatar os dereitos roubados, e só con organización, con mobilización e loita se pode conseguir. Por iso a Unión do Povo Galego (UPG) aposta en fortalecer o sindicalismo combativo, nacionalista e de clase e a apoiar decididamente a campaña de mobilizacións que a CIG ten en marcha.

Aliás, a UPG chama o pobo traballador galego a se organizar e mobilizar en defensa dos seus intereses e a facelo con perspectiva de futuro. Para podermos mudar este estado de cousas é preciso irmos ás causas profundas que as provocan e cuestionar o sistema de capitalismo colonial que nos manten na dependencia e no empobrecimento. Para podermos mellorar as nosas condicións materiais de existencia necesitamos poder decidir por nós como pobo, necesitamos a soberanía.

É urxente romper co réxime político español, corrupto e nefasto para o noso País, e conquistar a independencia necesaria para podermos construír na Galiza unha sociedade socialista, radicalmente democrática, xusta e igualitaria, ao servizo dos traballadores e traballadoras e da maioría social que representan as clases populares galegas.

Galiza, 1 de maio de 2017.