Resolución do Comité Central da UPG sobre o momento político e a actuación a desenvolver

Estamos a vivir un momento político singular, que muda de forma significativa os parámetros do debate político e que exixe, por tanto, tamén unha análise e unha actuación pola nosa parte adecuada ao este contexto. Estamos, sen dúbida, diante da maior crise política do rexime español en máis de 40 anos. Unha crise que, para alén de pór ao descuberto para sectores máis amplos da poboación o seu carácter profundamente antidemocrático, cuestiona directamente a estrutura unitaria e imperialista do Estado español e coloca sobre a mesa o debate sobre os dereitos das nacións. E isto, con este carácter xeral, acontece por vez primeira desde a chamada Transición. É verdade que o debate se está a producir -polo menos no noso País- cunha enorme agresividade política contra o nacionalismo, coa prensa do sistema a facer uso de toda a artillaría de manipulación e desinformación na súa campaña de combate ao soberanismo. Mais isto -que certamente implica unha dificultade- é a máis clara evidencia da profundidade da crise do rexime español e do risco que a independencia da Cataluña -e, en xeral, os movementos de liberación nacional- representan para a súa supervivencia.

Se partimos desta análise, en que a reacción agresiva do Estado é mostra tamén da súa fraqueza, fica claro que o comportamento do nacionalismo galego debe ser o de aproveitar ao máximo este momento para levar á sociedade a idea de que o pobo galego debe responsabilizarse do seu presente e a necesidade de rompermos a dependencia do País para conquistarmos a soberanía. Face á tentación de non comparecer ou de tentar rebaixar a intensidade da nosa participación nunha frente en que os ataques ao nacionalismo son verdadeiramente virulentos, nós non podemos nin debemos evitar o debate. Para alén de inconvenientes que xa temos analizados, particularmente en relación coa catalanobofia espallada pola machacona propaganda mediática, a crise catalá tamén abre a oportunidade de debater sobre o carácter unitario, centralista e antidemocrático do Estado español e do marco constitucional e autonómico.

Debemos aproveitar esa oportunidade para cuestionar ese marco en relación coa propia situación da Galiza e para sustentar nosa proposta soberanista. E debemos facelo sendo conscientes de que se non formos activos combatendo o discurso dominante non só os sectores que xa se sitúan detrás das alternativas españolas, tamén a propia base social e electoral nacionalista se verá atinxida polo discurso unionista do españolismo, con graves consecuencias para unha alternativa como a nosa.

Por tanto, cómpre defender con contundencia o proceso político catalán non só até o referendo mais tamén os pasos que deren a partir de aquí na construción da República independente. E non só por unha cuestión de solidariedade, senón de interese político propio. Cuestionar o Estado español unitario e defender o exercicio do dereito de autodeterminación -por tanto a lexitimidade de as nacións se tornaren soberanas e independentes- é fulcral para que o nacionalismo poida avanzar na Galiza.

Debemos tamén aproveitar o que está a acontecer na Cataluña para facer pedagoxia sobre o diferente comportamento das forzas nacionalistas e soberanistas e da chamada esquerda española face ao dereito de autodeterminación e ao próprio sistema político español. Tanto Podemos como IU manifestáronse reiteradamente contra o referendo de 1 de outubro, alegando falta de garantías que, curiosamente, exixían á Generalitat en vez de o facer ao goberno español. A defensa teórica do dereito a decidir concretada nun referendo pactado -que non foi posíbel en 5 anos e tampouco agora- implica na práctica negar a posibilidade de exercer o dereito de autodeterminación. Neste sentido ficou aínda máis evidente que o problema máis serio que ten o Estado español é a cuestión nacional e que as únicas forzas que cuestionan de verdade o rexime político español somos as soberanistas.

Como xa dixemos a crise do rexime, para alén da cuestión nacional, coloca tamén un primeiro plano a defensa da democracia. A actuación do Estado español en relación ao proceso de independencia de Cataluña, particularmente nas últimas semanas, deixou ao descuberto a verdadeira face do sistema político español, autoritario e antidemocrático, que non dubida en empregar a represión policial para negar os dereitos e liberdades cívicas, particularmente para impedir o exercicio do dereito de autodeterminación. Para nós, a defensa da democracia, dos dereitos e liberdades públicas, é consubstancial ao noso proxecto político. E, ademais é esta unha cuestión que desperta unha grande sensibilidade na poboación -particularmente na mocidade- como puidemos constatar nas mobilizacións recentes. O noso interesse está en fortalecer esa sensibilidade democrática para tamén reforzar a conciencia nacional e o compromiso político nacionalista.

En todo o caso, nós temos claro que non podemos atribuír a actuación autoritaria destes últimos tempos só ao Goberno de Mariano Raxoi e do Partido Popular. É o Estado español, o rexime político saído da Transición e da Constitución de 78, amparándose precisamente na lexitimidade dun texto constitucional que estabelece que a soberanía política corresponde “ao povo español” e que nega, por tanto, os dereitos das nacións -como a catalá, a basca ou a galega- a decidiren libremente por si propias.

A coincidencia de todas as forzas políticas españolas (do PP a Unidos Podemos) en negaren validez ao referendo, as declaracións de referentes do PSOE pedindo máis “man dura” (incluída a intervención do exército se for preciso) e a propia intervención televisada de Felipe de Borbón, confirman a nosa análise e ratifican a falacia da tese de que “isto se soluciona botando o PP”. Para alén de ser falso, pretende desviar o centro da contradición principal de Cataluña-España (ou, no noso caso Galiza-España) para esquerda-dereita como a mellor maneira de debilitar a reivindicación nacional. É claro que o interesse do pobo galego está en combater toda forma de autoritarismo e de fascismo, toda negación dos seus dereitos nacionais, veña de quen viñer, comezando por quen agora mesmo ten a responsabilidade directa da xestión do rexime. Mais sempre sen perder a perspectiva de cal é o verdadeiro problema.

O debate que suscita Cataluña debemos traelo permanentemente para o debate sobre a Galiza, os seus problemas e as propostas do nacionalismo para superar esta situación desde o exercicio da soberanía. E debemos facelo sen ideoloxismos, con argumentos e cunha linguaxe desafectada e comprensíbel, mais ao mesmo tempo con absoluta convicción. Toda a nosa actuación neste momento debe estar pensada en clave de fortalecemento da organización e da conciencia nacional do pobo galego, o que implica unha actitude activa -da organización e de cada militante- na batalla das ideas, con total determinación. Se así o fixermos, poderemos avaliar os froitos positivos no plano político e organizativo mais tamén no plano electoral.

Debemos asumir tamén que é preciso asumir a necesidade de reforzar os mecanismos programados para levar ao conxunto da sociedade o debate sobre a necesidade de deixar atrás o marco constitucional e estatutario e avanzar para a soberanía. Iso pasa, necesariamente por tentar implicar -cunha perspectiva ampla e non ideoloxista, outros sectores proclives ao nacionalismo mais até o de agora non organizados.

Por último, desde o respecto á pluralidade do BNG -que tamén se reflicte, como ficou recollido nas Teses, en diferentes posibilidades de concreción da Galiza soberana- o Partido reafirma a necesidade de soster publicamente a defensa da soberanía e da independencia nacional, avaliando en cada momento o grao das intervencións públicas a desenvolver.