Saúdo ao XXIX Congreso do Partido Comunista do Uruguai

A Unión do Povo Galego agradeceu o convite para participar no XXIX Congreso do PCU, pero desgrazadamente non foi posíbel desprazarnos até Uruguai como sería o noso desexo debido á situación que se está a vivir en Galiza con importantes actuacións políticas e mobilizacións das clases populares contra as políticas que están a aplicar os gobernos galego e español non co obxectivo de buscar unha saída progresista á crise do modelo económico neoliberal, senón pola contra coa intención de que os custos da crise os asuman a clase traballadora e o conxunto das clases populares. Remitiuselles o seguinte texto:

Para vós este congreso, que se celebra no ano no que o Partido Comunista de Uruguai cumpre 90 anos de existencia, sabemos que ten unha gran importancia debido ao marco xeral marcado por unha crise estrutural do capitalismo a nivel mundial e polo marco nacional no que o PCU e o conxunto da Fronte Ampla asumen un segundo período de goberno de Uruguai buscando un camiño que permita construír un país máis xusto. E os e as nacionalistas galegos sabemos por experiencia propia da participación do Bloque Nacionalista Galego (fronte patriótico do que o noso partido é membro) no goberno galego entre o 2005 e o 2009 que a procura de camiños alternativos e a acción de goberno no marco do capitalismo están cheas de obstáculos, contradicións e debates, ou como din os vosos documentos “pola disputa entre o programa popular e os intereses das clases dominantes”.

Comprobamos como enfatizades a necesidade de fortalecer o PCU conscientes de que os avances só se conseguen cun forte Partido de cadros e de masas e de que os retrocesos son menores cando o Partido posúe a fortaleza suficiente para servir de dique de contención. Para a UPG é fundamental tamén ese labor de construción partidaria en todos os niveis: cuantitativo e cualitativo, na firmeza ideolóxica e na capacidade de incidencia social.

Pola nosa banda ofrecémosvos a disposición a seguir estreitando a relación que desde hai xa algúns anos manteñen o PCU e a UPG, pois como comunistas consideramos fundamental a solidariedade internacionalista e como galegos entendemos que Uruguai e Galiza deben seguir alimentando os lazos que nos uniron historicamente.

Camaradas, desexámosvos un Congreso frutífero sabedores de que os documentos que finalmente serán aprobados e o novo Comité Central elixido serán actores fundamentais no avance do Uruguai, un avance que tambien consideramos o noso e de todos aqueles que do mesmo xeito que os nosos dous partidos teñen por obxectivo a construción dunha sociedade máis xusta camiño do socialismo.