Saúdo enviado ao Partido Comunista Alemán-DKP polo seu 22 Congreso

Entre os días 2 e 4 de marzo o Partido Comunista Alemán-DKP celebra en Frankfurt o seu 22 Congreso baixo o lema  “Deter a ofensiva do capital monopolista”, un congreso que coincide co 50 aniversario da fundación deste partido. A UPG enviou un saúdo ao DKP que reproducimos a continuación.

Ao 22 Congreso do

Partido Comunista Alemán-DKP

Camaradas:

O Comité Central e o conxunto da militancia da Unión do Povo Galego quere facer chegar ao seu 22 Congreso Nacional un saúdo solidario, desexando que os debates congresuais permitan ao DKP mellorar a súa actuación, e aumentar a súa introdución e influencia na clase traballadora e no conxunto das clases populares e do povo alemán; co obxectivo de avanzar cara a consecución do obxectivo que se marcan no lema congresual “Deter a ofensiva do capital monopolista”.

Entendemos ademais que para vostedes o 22 Congreso é especial ao celebrarse no ano en que conmemoran  o 50 aniversario da creación do Deutsche KommunistischePartei-DKP, fundado en 1968 co obxectivo de garantir a presenza da militancia comunista organizada no seu partido, como resposta á ilegalización do histórico KommunistischeParteiDeutschlands-KPD por parte das autoridades da capitalista República Federal Alemá.

Despedímonos volvendo a desexar éxitos ao 22 Congreso ao tempo que  reiteramos a nosa disposición para seguir estreitando as relacións entre o DKP e a UPG, o que permitiría un mellor coñecemento das loitas que desenvolvemos en Alemaña e Galiza respectivamente.

Sen máis, un abrazo da UPG.

 

Compostela; 28 de febreiro de 2018

Secretaría de Relacións Internacionais da UPG