Saúdo enviado pola UPG ao XXXI Congreso do Partido Comunista de Uruguay

Reproducimos a continuación o saúdo enviado pola UPG ao Partido Comunista de Uruguay,  que celebrou o seu XXXI Congreso entre o 2 e o 4 de xuño en Montevideo

 

Ao XXXI Congreso do Partido Comunista de Uruguay

Camaradas:

A Unión do Povo Galego quere facerlles chegar un afectuoso saúdo cando celebran vostedes o seu XXI Congreso Nacional baixo o lema “100 anos da Revolución de Outubro”, un congreso que estamos seguros de que servirá para fortalecer ao PCU.

Uruguay transita desde hai  anos a senda dos gobernos transformadores de América Latina coa Fronte Ampla e sabemos do papel fundamental do PCU na articulación desa unidade, igual que acompañamos a necesidade que plasman nos documentos congresuais de dar pasos para transitar con avances e profundización na concreción de realizacións programáticas do FA. Algo básico en alternativas políticas como as nosas que non buscan xestionar o sistema capitalista senón superalo.

Para todo iso, como indican vostedes, son básicos o fortalecemento do instrumento unitario Fronte Ampla, labor na que os e as comunistas uruguaios sempre destacaron, e un PCU mellor organizado e con maior influencia entre a clase traballadora e outros segmentos das clases populares, de forma que poidan desenvolver e darlle unha perspectiva revolucionaria ao bloque dos cambios, na súa tarefa de defender, consolidar e facer avanzar a democracia.

Os nosos partidos manteñen unhas fraternais relacións desde hai moitos anos, relacións que profundan a xa histórica irmandade entre os povos galego e uruguaio, e por iso podemos dicir que o congreso de vostedes é como un congreso noso. O PCU e  a UPG somos partidos comunistas que nacemos da propia raíz dos nosos povos, conscientes de que debe ser en cada nación a súa historia e o accionar da clase traballadora e do conxunto das clases populares as que diten o camiño a seguir.

Sen máis, desexámoslles un exitoso XXXI Congreso, e felicitamos por anticipado ao novo Comité Central que dirixirá PCU no novo período.

 

Compostela; 1 de xuño de 2017

Secretaría de Relacións Internacionais.