Solidariedade co povo venezolano fronte á nova inxerencia imperialista

A Union do Povo Galego quere facer pública a súa solidariedade co povo venezolano diante dos graves feitos acontecidos onte mércores día 23 de xaneiro, feitos que supoñen un paso máis na inxerencia imperialista nun estado soberano.

A rapidez coa que o presidente dos EEUU Donald Trump recoñeceu ao golpista Juan Gaidó, e os inmediatos apoios que recibiu por parte dos gobernos latinoamericanos, que actúan como lacaios do imperialismo ianqui e do secretario xeral da OEA, demostran que non estamos diante dunha actuación illada senón que é un plan perfectamente deseñado polo Departamento de Estado dos EEUU, proba diso foi o chamamento previo do vice-presidente dos EEUU a manifestarse até rematar co goberno de Nicolás Maduro.

Denunciamos tamén o apoio declarado pola extrema dereita do estado español (PP, Ciudadanos, Vox, Felipe González, etc…) a este intento de impedir que Venezuela prosiga o camiño decidido pacífica e democraticamente polo seu povo.

O imperialismo nos últimos tempos derrocou por medio dos coñecidos como “golpes suaves” ou “golpes institucionais” a distintos gobernos progresistas na rexión, e agora téntao con Venezuela; pero temos confianza en que, pese aos problemas existentes, o povo venezolano defenderá o seu dereito a construír un futuro sen inxerencias.

A UPG considera que non pode haber vacilación, debemos todos e todas mostrar a nosa solidariedade co lexítimo goberno venezolano, pois Venezuela non pode estar soa dado que hoxe sofre ela a agresión, pero o obxectivo do imperialismo é encadear a todos os povos do mundo impedindo que poidamos decidr o noso futuro.

 

Compostela; 24 de xaneiro de 2019

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego