Solidariedade con ASKAPENA e cos cinco internacionalistas vascos

A Unión do Povo Galego quere facer público o seu apoio aos cinco internacionalistas vascos aos que a fiscalía pide seis anos de cadea por traballar pola solidariedade entre os povos. Tamén queremos amosar o noso rexeitamento á petición de ilegalización de Askapena a organización internacionalista vasca que leva 27 anos traballando por estreitar os lazos entre o povo vasco e outros povos do mundo

O xuízo contra os cinco internacionalistas e contra Askapena non é máis que un novo xuízo político como o foi o Bateragune ou outros que neste momento está pendentes, xuízos políticos que son montaxes argalladas por un estado español que non asume o dereito dos povos a loitar pola súa liberdade.

Estas peticións da fiscalía son un novo chanzo na presión do estado español contra os sectores máis dinámicos do povo vasco e busca manter un estado de excepción negándose a dar pasos cara o fin do conflito en Euskal Herria. Unha presión que tenta criminalizar todo aquilo que non controla e a toda persoa ou organización que loite pola paz, por unha Euskal Herria soberana e por crear un tecido popular abertzale que permita avanzar cara a consecución desa soberanía.

Desde a UPG queremos transmitir o noso ánimo ás persoas acusadas e a Askapena como organización, estamos certos de que os ataques e a represión só servirán para que o movemento popular basco colla máis forza pois é un movemento fondamente enraizado no povo.

Santiago de Compostela; 3 de marzo de 2015

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego