UPG chama a participar masivamente nos actos do BNG do Día da Patria Galega

Estamos nas vésperas do Día da Patria Galega, a grande cita anual en que celebramos a festa nacional da Galiza, enfatizamos o compromiso nacionalista coa defensa dos dereitos do pobo galego e salientamos a reivindicación da soberanía. Mais o 25 de xullo é tamén a ocasión máis favorábel para que o nacionalismo, como proxecto político que encarna a vontade do noso País de actuar como nación, se dirixa ao conxunto da sociedade galega para explicar as razóns polas que é precisa unha mudanza de marco político, que saque a Galiza da dependencia e a coloque con capacidade e decidir por si propia e de construír un futuro de prosperidade e de liberdade.

Neste ano 2017, a mobilización do Día da Patria é tamén unha magnífica oportunidade para mostrar a forza do nacionalismo que encarna o BNG e para consolidar o proceso de recuperación de apoios políticos e de incorporación de novas persoas que se vén verificando nos últimos meses. Ese debe ser un dos nosos principais obxectivos, pois a mellor maneira de que o nacionalismo avance na sociedade, mesmo no plano electoral, é incrementar a afiliación e o corpo social colaborador, crear conciencia nacional e vínculos de simpatía e cooperación, fortalecer a organización e alargar a capacidade de actuación política en todo o País.

Aliás, nun escenario de importante conflitividade social que cuestiona as políticas impostas, o BNG está a realizar un esforzo especial para convidar as persoas e colectivos afectados a participar da manifestación do Día da Patria, enchéndoa tamén de contido social. É, na nosa opinión, unha boa maneira de vincular a reivindicación nacional coa resolución dos principais problemas sociais e económicos que está a padecer o pobo galego.

Nun contexto político xeral en que se evidencia como nunca que o exercicio do dereito de autodeterminación da nacións é o principal factor de cuestionamento do rexime político español, o nacionalismo galego ten a responsabilidade histórica de crear as condicións para que a Galiza avance no camiño da soberanía. Como Partido, a UPG sempre asumiu as súas responsabilidades, contribuíndo de maneira decisiva para construír un movemento de liberación nacional cada vez máis forte. Neste día da Patria temos a oportunidade de dar un paso máis nesa dirección.

Chamamos, por tanto, os traballadores e traballadoras e o conxunto do pobo galego para participar masivamente na marcha do Día da Patria en Compostela, coa convicción de que o seu éxito consolidará a alternativa que vai permitir mudar as cousas no noso País.