A UPG parabeniza ao Partido do Traballo de México

A UPG enviou un saúdo ao Partido do Traballo de México, partido co que mantemos relacións de amizade desde hai anos e que integra a coalición “Xuntos faremos historia”, encabezada por Andrés Manuel López Obrador  e que gañou as eleccións presidenciais e parlamentarias celebradas en México o pasado domingo.

O texto do saúdo é o seguinte:

 

ALBERTO ANAYA

PARTIDO DO TRABALLO

DE MÉXICO

Estimado compañeiro:

En nome da Unión do Povo Galego trasladámoslle a vostede e a toda a militancia do Partido do Traballo de México os nosos parabéns polos resultados obtidos o pasado domingo pola coalición Xuntos Faremos Historia nas eleccións celebradas en México.

O triunfo nos distintos ámbitos nos que se celebraban eleccións e a elección de Andrés Manuel López Obrador-AMLO como presidente da república de México, entendemos que son un gran éxito para as clases populares e o conxunto do pobo mexicano e ao tempo son un éxito propio da PT, un partido desde sempre comprometido coa candidatura de AMLO para a presidencia.

Sabemos que teñen vostedes un difícil reto por diante, pero estamos convencidos que a experiencia política da PT, de Morena e de AMLO permitiranlles sortear os obstáculos e paralelamente á posta en práctica das políticas necesarias para construír un novo México empeñaranse na articulación dunha gran alianza social, que lles permita impulsar as transformacións e ao tempo enfrontarse aos sectores reaccionarios que tratarán de impedir que México transite o camiño da soberanía e da xustiza.

Reiterámoslles o noso apoio solidario.

 

Galiza; 3 de xullo de 2018

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego