A UPG participa no congreso constitutivo do partido político creado polas FARC en Colombia

De 26 de agosto a 1 de setembro decorrerá  na cidade de Bogotá o Congreso Fundacional do novo partido político en que se transformarán as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Povo (FARC-EP), partido político froito dos acordos de Paz, asinados na Habana a 24 de novembro de 2016 entre a guerrilla e o goberno colombiano.

Neste importante Congreso que supón unha nova etapa na traxectoria revolucionaria de loita dos membros das FARC-EP estarán presentes delegacións de organizacións políticas e sociais de todo o mundo, que coa súa presenza mostran o seu apoio ao proceso de paz e á loita das FARC e da esquerda colombiana.

O noso partido estará presente neste importante congreso por medio do camarada Moncho Boán, membro da Secretaría de RR.II. da UPG, que trasladará aos e ás congresistas o apoio e solidariedade da militancia da UPG e o desexo de que este novo instrumento partidario do que decidiron dotarse, permita avanzar na loita social e política por unha Colombia libre do xugo imperialista, verdadeiramente soberana e na que sexa posíbel rematar coa explotación e avanzar  na superación da orde social capitalista e na construción dunha nova sociedade.