A UPG presente no seminario internacional do PT de México

A UPG participa na cidade de México entre o 4 e o 6 de abril no XXIII Seminario Internacional “Os Partidos e a nova Sociedade”, evento organizado polo Partido do Traballo de Mexico desde hai máis de dúas décadas, e que se ten convertido nun dos eventos máis importantes a nivel mundial de análise sobre e evolución política internacional.
En cada edición do seminario participan representantes de forzas políticas e gobernos progresistas, nacionalistas e revolucionarios, analistas de xeopolítica, economistas e especialistas de outros ámbitos.
Durante tres días os e as asistentes teñen oportunidade de expoñer en plenario os seus estudos, reflexións e experiencias partindo dun temario dividido entres partes.
Nesta edición as dúas primeiras partes céntranse basicamente en aspectos relacionados coa evolución en América Latina nos últimos tempos, partindo dos problemas que provoca a perda de importantes “gobernos alternativos de nación” e das causas que levaron á actual situación, e ao conseguinte ascenso de gobernos de dereita e extrema dereita. A terceira parte céntrase en análises de coxuntura en distintos ámbitos tanto temáticos como xeográficos.
A UPG, presente xa en edicións anteriores do seminario aportando as súas análises sobre a evolución do imperialismo, a emerxencia da nova esquerda e a situación económica e política de Galiza; intervirá nesta ocasión sobre a crise do sistema político do estado español, a situación e os retos do nacionalismo galego nos vindeiros anos.
O noso partido, que estará representado polo seu secretario de RR.II. Duarte Correa, aproveitará par coñecer como están sendo os primeiros meses do goberno progresista de Andrés Manuel López Obrador-AMLO, e para estreitar relacións com partidos e movementos políticos afíns. Asemade trasladaremos o noso apoio e a nosa solidariedade con aqueles povos que loitan contra o imperialismo e tentan construir sociedades máis xustas.