A UPG súmase á homenaxe en Foz ao camarada Xoán Carlos González Basanta

Este sábado 1 de xullo na vila de Foz réndese unha merecida homenaxe ao noso camarada recentemente falecido Xoán Carlos González Basanta, home xeneroso e comprometido que, desde a súa militancia comunista e patriótica, dedicou a súa vida á loita por unha Galiza libre e á defensa da clase traballadora galega. Activista cultural, sindicalista da CIG no ensino, portavoz do BNG en Foz durante anos, todo un exemplo de coherencia e compromiso.

A homenaxe desenvolverase  no CENIMA, fronte á casa do mar, ás 19:00h. e está impulsada por diversas entidades nas que colaborou, das que formou parte ou coas que tivo unha relación das que deixan profunda pegada: Asociación Cultural Pomba do Arco, Asociación Cultural A Subela, Club de Baloncesto Celtas, Club de Fútbol Sociedade Deportiva de Foz, Centro Comercial Aberto de Foz, CIG, BNG e UPG. Unha diversidade de entidades e colectivos que mostra o seu compromiso e implicación no tecido social e no traballo por unha outra Galiza máis libre e soberana.

Animamos a participar a todos e todas nesta homenaxe  na seguridade de que axudará a manter vivo o seu recordo e recoñecer todo o que nos deu.