10 de marzo. Día da clase obreira galega
Como cada 10 de Marzo, o sindicalismo nacionalista conmemora as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo e que, meses despois, se estenderon a Vigo por mellores condicións de traballo e por defender a negociación colectiva en Galiza.
Na actualidade, todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e da perda de poder adquisitivo dos salarios. Cada día é máis a precariedade a e pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social. Ter traballo non implica acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres.
Debemos confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal, desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando.

Baixo o lema: “Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos” a CIG chama á mobilizarse nas sete cidades e en Vilagarcía, para reivindicar, con 12 medidas, traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos.
Horas e lugares das mobilizacións
- Ferrol: ás 12h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. Ás 20h, manifestación con saída do Local Sindical.
- A Coruña: 20h, dende a Praza de Vigo.
- Compostela: 19:30h, dende a Praza Roxa.
- Lugo: 20h, dende o Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
- Ourense: 20h, dende o Edificio Sindical (Parque San Lázaro).
- Pontevedra: 20h, na Praza da Peregrina.
- Vilagarcía: 20h, na Casa do Mar.
- Vigo: 19h, dende A Dobrada.
