10 de marzo. Día da Clase Obreira Galega

‘Somos clase, somos nación. A loita continúa’, lema escollido pola CIG polo 50º aniversario das loitas de 1972

Este ano cúmprense os 50 anos das loitas o 1972 desde as que se construiu a historia contemporánea do movemento obreiro galego, por iso nesta data celebramos o Día da Clase Obreira Galega. Con tal motivo a CIG vai realizar unha manifestación nacional de delegadas e delegados mañá xoves, que sairá ás 12:00 horas da porta de Navantia no Esteiro e rematará no monumento ao 10 de Marzo.

Conmemoramos o 50 aniversario dunhas loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, continuadas meses despois en Vigo, e que tiveron no asasinato pola policía franquista dos traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel, a maior expresión da represión vivida nesas datas. Son os mártires dunha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.

Desde a CIG  reivindican hoxe, máis que nunca, as orixes de onde veñen, co orgullo de formar parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical de loita, que ao longo destes anos ten levado ça central nacionalista a ser o que son, a primeira forza sindical en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza.

Se o 10 de Marzo é sempre unha data combativa para a CIG, 50 anos despois son moitos os motivos e as razóns para que así sexa. Reforzando a mobilización nas empresas e nas rúas para aumentar a nosa capacidade de confrontar, de avanzar nunha saída galega xusta da crise e para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

Máis información na páxina web da CIG