10 de marzo. Día da clase obreira galega
Como cada 10 de marzo desde 1972, o sindicalismo nacionalista sae á rúa a celebrar o Día da Clase Obreira Galega. Nesta data conmemoramos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel.
Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, e que meses despois se estenderon a Vigo, pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.
Neste 10 de Marzo de 2024 a CIG fai un chamamento á mobilización nas sete cidades galegas para dar resposta á grave situación de precariedade e pobreza que atravesa a maioría social e reclamar un marco galego de relacións laborais. Reivindicando a vixencia das loitas de 1972, o acto central terá lugar en Ferrol coa tradicional ofrenda floral ao monumento ao 10 de Marzo e a posterior manifestación até o Cantón. A CIG tamén ten convocadas manifestacións en Vigo e Compostela e concentracións na Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS
- Ferrol: 11:45h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo e posterior manifestación.
- Vigo: ás 12h, na Dobrada
- A Coruña: ás 12h no Obelisco
- Pontevedra: ás 11:30h na Praza da Peregrina
- Compostela: ás 12h na Praza Roxa
- Lugo: ás 12h diante do Concello
- Ourense: ás 12h na Praza do Ferro
Máis información na web da CIG.