17 de maio, Día das Letras Galegas. Paremos a emerxencia lingüística

Participa na multitudinaria foliada pola lingua este 17 de maio.

Queremos Galego convócanos un ano máis a manifestarnos no día das nosas letras, o 17 de maio, cunha grande mobilización en Compostela que rematará nunha foliada pola lingua na Praza do Obradoiro. A plataforma cidadá sinala que será unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras do noso país que resistiron a todos os intentos de apagala.

Na manifestación que sairá ás 12h da Alameda de Santiago, o baile e as pandeiretas encherán as rúas para rematar nunha multitudinaria foliada pola lingua que será a grande homenaxe colectiva ás cantareiras e pandeireteiras. Por moito que a tentaron calar, a música galega rexorde unha e outra vez e con ela a nosa lingua. Queremos Galego fai un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a participar na grande foliada pola lingua e anima a todas as persoas que participen na manifestación a traer as súas pandeiretas. A música de Lingua vital xa! tomará de novo as rúas de Compostela, fronte aos enganos e mentiras da Xunta para manter a exclusión do galego e o desmantelamento da súa oficialidade.

Tras os plenarios desenvoltos por toda Galiza, dende Queremos Galego están a comezar un proceso social amplo, plural e participativo para facer “o que a Xunta non ten disposición de facer”, avaliar o cumprimento do PXNLG e dos acordos nacionais e internacionais a favor do galego, detectar os obstáculos que impiden o seu cumprimento e concretar como se deben aplicar as medidas estabelecidas nestes acordos unánimes para garantir a súa eficacia. Este proceso, que se chamará Lingua vital, será presentado na praza do Obradoiro o propio 17 de maio.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, sinalou á Xunta como principal responsábel da situación da lingua galega, ao desertar das súas obrigas, mentres en paralelo continúa a lexislar contra o galego. Fronte a esta actitude da Xunta e do Partido Popular van ter resposta na mobilización da sociedade a favor do seu idioma mais tamén asumindo o protagonismo que se lle nega. Continuando así, o compromiso iniciado coa Declaración unitaria pola lingua presentada o 17 de novembro e que foi ratificado na histórica mobilización do 23 de febreiro e que se repetirá este 17 de maio.

Animamos ao conxunto da militancia e do pobo galego a participar nesta grande mobilización e a apoiar o proceso social Lingua Vital.