17 de maio. Galego vivo, Galiza viva
Un ano maís no 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Plataforma Social Queremos Galego fai un chamemento á sociedade galega para participar na manifestación nacional que ás 12:00h sairá da alameda de Santiago de Compostela en defensa da lingua galega. Chamamento ao que a Unión do Povo Galego querémonos sumar animando á nosa militancia e simpatizantes a participar nesta tan necesaria mobilización. A plataforma Queremos Galego pon a disposición da cidadanía autobuses que saen das principais cidades e vilas do país para participar na manifestación. O custo da viaxe (ida e volta) ten un valor simbólico de 5 euros. Información dos horarios e lugares de saída dos autobuses aquí.
Tamén elaborouse un manifesto de apoio que podes asinar aquí, e que di o seguinte:
En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.
Para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.
Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador.
Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos.
Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais.
Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.
É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.