1º de Maio. Frente ás guerras imperialistas e o espolio colonial: soberanía e socialismo!

Estamos a asistir a un agravamento da ofensiva imperialista, cunha perigosa escalada militarista e belicista que ameaza a paz e a seguranza no mundo, que só é un axuste do propio sistema capitalista para tentar salvagardar a hexemonía mundial dos EUA enfrentando, de maneira violenta, o agromar dunha realidade multipolar. Ao tempo, vemos como a través de aparentes guerras comerciais o que se pretende é promover o intercambio desigual e agudizar as relacións de dependencia centro-periferia, así como alentar o espolio e a depredación dos recursos.

Aliás, volve a se verificar o papel de absoluta subordinación da Unión Europea, actuando ao ditado de Washington e da OTAN.  Unha mansedume obediente que reproduce tamén o Goberno español (PSOE/Sumar) asumindo un aínda maior incremento do gasto militar.

Na Galiza continúa a avanzar a depredación e o espolio colonial dos nosos recursos. O boom eólico, por terra e por mar; a reactivación de proxectos extractivistas letais para o noso territorio como a mina de Touro, ou a ameaza ambiental que representa o proxecto de megacelulosa de Altri, son o tridente dunha política de saqueo que pretende utilizar de maneira insustentábel os recursos do noso País como fonte de negocio e lucro para o grande capital.

Ao tempo, as clases populares e traballadoras galegas continúan a padecer o aumento da precariedade e o empobrecemento. Ao desemprego, que alenta a desertización produtiva e empurra a grave crise industrial que atravesa a Galiza, acrecéntase o empeoramento das condicións laborais, cun aumento dos ritmos de traballo e a desregulación da xornada, e tamén a continuada perda de poder adquisitivo dos salarios, facendo que hoxe ter un emprego non garanta as mínimas condicións materiais de vida nin o acceso a dereitos esenciais como a vivenda.

Neste contexto, é claro que a defensa dos intereses do pobo traballador galego só pode pasar por avanzarmos na conquista da plena soberanía, da nosa independencia nacional, para edificarmos unha nova Galiza, de prosperidade e benestar, para o que é fulcral fortalecer o movemento nacionalista galego, quer a nivel político quer a nivel sindical. Soberanía, para orientar a economía e o uso dos nosos recursos en favor dun desevolvemento autocentrado ao servizo do interese xeral, no camiño de construír o socialismo o noso País.

Así pois animamos ao conxunto da militancia da UPG e ao conxunto do pobo galego a participar nas manifestacións que a CIG ten convocadas no conxunto da nosa nación neste 1º de maio de 2024. Máis información na páxina web da CIG.