1º de Maio. Soberanía, paz e traballo digno

A brutal ofensiva do Imperialismo botando man da guerra e o militarismo nun intento desesperado por apuntalar a hexemonía dos EUA e impedir o avance dunha realidade multipolar, está a estender polo planeta todo un ronsel de destrución, morte e espolio. O xenocidio sionista -aínda en curso- contra o pobo da Palestina, ou as guerras contra o Irán e o Líbano, así como o crecente intervencionismo na América Latina, co secuestro do presidente venezolano, Nicolás Maduro, son os vértices máis agudos dunha escalada diante da que a denominada comunidade internacional, con estruturas como a ONU e singularmente a Unión Europea, están a demostrar a súa impotencia e subordinación aos ditados de Washington.

Hoxe, como onte, as consecuencias das guerras imperialistas e da súa estratexia de caos e desestabilización mundial páganas os pobos e as maiorías sociais. Son a clase traballadora e o conxunto das clases populares quen paga a factura: en forma de carestía da vida, cunha inflación disparada na cesta da compra e cada vez maiores dificultades para acceder á vivenda; no aumento do gasto militar, de que participa tamén o actual Goberno español de PSOE-Sumar, que consome recursos que deberan utilizarse para paliar os efectos sociais da guerra; e tamén no avance dos discursos reaccionarios que alenta a dereita ultraespañolista.

O povo traballador galego padece, ademais, o efecto combinado da inacción e das nefastas políticas que aplica o Goberno da Galiza do Partido Popular. Como testemuña o avance da crise industrial e a desertización da nosa base produtiva e tamén do espolio colonial e depredación dos nosos recursos, converxendo na mutilación das enormes capacidades que ten o noso País. Un Goberno galego que non exerce de tal e que se reduce a axir como franquía ao ditado dos intereses do PP español.

Neste contexto, é máis evidente do que nunca a necesidade de soberanía para a Galiza, como condición de posibilidade para poder desenvolvermos un proxecto de País que utilice os nosos recursos en prol do noso desenvolvemento e da atención das necesidades das clases populares e traballadoras.

Neste 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, a Unión do Povo Galego fai un chamado ao conxunto das traballadoras e traballadores galegos a participar nas mobilizacións que ten convocada a Confederación Intersindical Galega (CIG) e a se sindicalizar nela, para a fortalecer como mellor instrumento para a defensa dos seus intereses. E a apoiar con determinación o proxecto transformador e emancipador que representa o nacionalismo galego, para avanzarmos de vez no camiño da soberanía, a paz e o traballo digno e con dereitos, con rumo á independencia nacional, a unha Galiza ceibe e sen explotación.