1º de maio. Avante a folga xeral galega.

Encaramos máis un 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, nun contexto marcado pola continuada agresión contra a clase traballadora e o conxunto das clases populares da nosa nación. Un saqueo que, sob a coartada da crise capitalista, é perpetrado por parte dos gobernos da dereita españolista ao ditado da Unión Europea e dos intereses do grande capital. Vemos, pois, que a pesar de as cifras macroeconómicas daren algúns síntomas de recuperación, a economía real e, singularmente, as condicións materiais de vida e de traballo do noso pobo, non só non teñen mellorado senón que continúan a empeorar. Ao desemprego insoportábel, que provoca a expulsión por millares da nosa mocidade, acrecéntase unha brutal vaga de precarización das condicións laborais e o empobrecemento dos salarios. Fenómenos que se articulan e integran nunha estratexia xeral que ten por obxecto alargar o nivel de explotación da maioría do pobo para seguir aumentando os lucros dunha minoría, a cada vez máis rica e poderosa.

No caso do noso país, Galiza, o papel dependente que nos impón o deseño centralista do Estado español e mais a UE, acaba por agravar a situación, provocando un esmorecemento produtivo que desertiza actividades estratéxicas, como a industria, e engole a nosa base produtiva. Nestas condicións faise máis evidente do que nunca que a reivindicación do noso dereito a vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra exixe tamén da conquista da independencia nacional, para orientar a política económica, social, industrial e laboral ao servizo dos intereses do pobo traballador galego e sentar as bases da construción do socialismo.

Diante desta ofensiva sen límites contra a clase traballadora galega, faise indispensábel robustecer a resposta obreira e popular a través da mobilización e o conflito, nas rúas e nos centros de traballo de toda a nosa nación. Nese sentido, toda vez que asistimos a un aumento significativo da conflitividade e da capacidade de mobilización –que ficaba en parte adormecida pola miraxe dunha imposíbel solución “rupturista” en chave estatal española–, é preciso orientar a raiba e o descontento social en acción organizada.

O chamado da CIG a promover a convocatoria dunha Folga Xeral é un paso non só necesario senón estratéxico. Hai motivos suficientes e, sobre todo, hai condicións para a clase traballadora galega dar, máis unha vez, unha contestación firme e contundente ao desemprego, a precariedade, o empobrecemento de salarios, a ameaza ás pensións, os recortes nos servizos públicos e a vaga represiva, coa que a dereita españolista nos abafa. Razóns tamén, todas elas, para continuarmos a loita pola soberanía da nosa nación e pola construción dunha sociedade realmente democrática, xusta, igualitaria e libre.

Loita con nós

Por unha Galiza soberana,

Pola independencia nacional e o socialismo