1º de Maio. Fagamos fente ao espolio e á dependencia

Estamos a vivir unha situación social e económica moi difícil para as clases populares galegas. Con unha espiral xeneralizada da suba dos prezos e da inflación, por unha crise industrial prolongada, polo espolio do noso País e pola falta de capacidade política para reaxir.

Neste contexto de especiais dificultades, as grandes corporacións, especialmente banca e enerxéticas, continúan a facer negocio, rompendo récords de beneficios de forma escandalosa, coa aquiescencia cómplice do “goberno máis progresista da historia”. Aliás, o Goberno español, co aplauso e beneplácito do goberno do PP na Xunta, é neste momento, o principal impulsor do grande negocio das eléctricas e do espolio enerxético do noso País, facilitando a implantación sen control de proxectos de parques e megaparques eólicos na terra e no mar.

Mais tamén este “Goberno progresista de PSOE e Unidas Podemos” está a desenvolver ou consolidar políticas de recortes sociais. Primeiro foi a non derrogación da reforma laboral do PP, mantendo as facilidades para despedir ou o abaratamento dos despedimentos; despois a reforma das pensións, que consolidou os aspectos máis negativos da reforma do 2011 e que supón un novo recorte nas contías das pensións futuras.

É tamén neste escenario de extremas dificultades económicas e sociais; de crise industrial e demográfica; de espolio dos nosos recursos, do noso aforro, dos nosos impostos; de crecemento das desigualdades, de perda de peso do noso País, que máis se pon en evidencia as consecuencias da dependencia política e da falta de capacidade real para decidir en función dos nosos intereses. Estamos diante dun goberno do PP na Xunta, e diante dun PSOE que tanto aquí como en Madrid están moi cómodos nesta situación porque responden á mesma lóxica sucursalista e concordan plenamente no papel secundarizado e dependente que teñen atribuído ao noso País.

Tamén continúa a escalada belicista que se agrava como consecuencia das decisións que está a adoptar o imperialismo por medio da OTAN e co seguimento servil da Unión Europea e o seguidismo submiso do goberno español. Escalada que non fai máis que empeorar a situación económica e pondo en risco un horizonte de paz e recuperación económica.

Para a Unión do Povo Galego (UPG), para todo o nacionalismo galego, enfrontar con decisión esta política de recortes é chave para defender os intereses dos traballadores e traballadoras galegas e para deixar en evidencia as políticas antisociais dos gobernos galego e español e da UE. Debemos continuar a esclarecer os intereses políticos e económicos a que responde esta actitude do Goberno PSOE-UP -no fundamental coincidente coa do PP- e seguir a reclamar banca pública galega, nacionalización das grandes eléctricas para colocar o sector enerxético sob control público, empresa pública galega de enerxía, tarifa eléctrica galega ou -no inmediato- tope aos prezos no mercado final.

Aliás, a UPG rexeita e denuncia os intereses que hai por detrás da guerra na Ucraína e a utilización que está a facer o imperialismo norteamericano para os seus propios intereses, alimentando a súa industria armamentista, conseguindo o aumento do gasto militar nos estados europeos afíns, reforzando a OTAN, exacerbando a propaganda pro-imperialista, sometendo aínda máis unha Unión Europea que se comporta como mero apéndice dos EUA e recruando a confrontación cos estados que non se aliñan co bloque ‘occidental’. As consecuencias tamén se deixan sentir nun crecente empobrecemento dos povos de europa e das clases populares do noso País. En todo o caso, como viñemos facendo, opómonos á escalada belicista en que está embarcado o Goberno español e defendemos políticas de Paz e a aposta por unha saída acordada, pola vía diplomática, do diálogo e a negociación.

Por todo isto animamos á militancia da UPG e ao conxunto do Povo Galego a sumarse ás manifestacións que polo 1º de maio ten convocadas a Confederación Intersindical Galega – CIG nas cidades e vilas da Galiza. Máis información na web da CIG.