1º de maio. Fortalecer a mobilización en defensa dos dereitos da clase traballadora galega

Vivimos nun contexto social e político especialmente complexo, que implica enormes apertos económicos para os sectores populares e, especialmente, para a clase traballadora galega. Ás consecuencias da pandemia e das políticas económicas desenvolvidas nese período vén a sumarse a guerra de Ucraína que, para alén das repercusións propias dun conflito bélico e as súas derivadas no ámbito político, ten como efecto agravar os problemas económicos que xa viñamos sufrindo, até provocar unha situación de escalada descontrolada dos prezos que ocasiona crecentes dificultades e empobrecemento das clases populares do noso país.

Todo isto, no medio dunha acción ineficaz dun Goberno español que non está disposto a adoptar medidas que poñan en cuestión os intereses dos grandes poderes económicos, e que non dubida en permitir o asalto ás rendas do traballo para salvagardar as rendas do capital.

Estamos a falar dunha situación que levará, sen dúbida, a agudizar a ofensiva antisocial, o que necesariamente nos obriga a reaxir de maneira rápida e contundente. É necesario acentuar -na rúa e nas institucións- a oposición ás políticas antisociais que está a desenvolver o Goberno español: reforma das pensións que consolida os aspectos máis lesivos das anteriores, non derrogación da reforma laboral, mantemento da Lei da Mordaza, reacción insuficiente –cando non complicidade coas grandes enerxéticas, como aconteceu coas eléctricas- frente á escalada brutal de prezos que empobrece as clases populares, anuncio do aumento do gasto militar de 0,9 a 2% do PIB, políticas belicistas ao mandado da OTAN…

E cómpre reaxir tamén frente á inacción dunha Xunta da Galiza ausente que, nunha situación excepcional de crise, renuncia a exercer de verdadeiro goberno galego adoptando medidas necesarias e posíbeis no ámbito das súas competencias e só parece preocupado en resolver a substitución de Feixóo, mais sen tocar o nefasto legado que deixa en recortes sociais, privatización e precarización de servizos públicos, crise industrial e demográfica, emigración, etc.

Debemos, aliás, activar a mobilización desde a conciencia de que, se non houber unha oposición a estas políticas desde o soberanismo e a esquerda, a decepción e descontento que xeran podería ser capitalizado pola demagoxia e o populismo da ultradereita españolista, que non dubida en se presentar como anti-sistema cando na realidade son o último baluarte de salvagarda do sistema.

Por todo isto, a Unión do Povo Galego (UPG) anima toda a militancia nacionalista e as clases populares do noso País a participar nos actos que o sindicalismo combativo, nacionalista e de clase (CIG) ten convocados para este 1º de maio como mellor maneira de lle facer frente á actual situación que padecemos e fortalecer unha alternativa nacional e popular na Galiza.