1º de maio. Non á explotación de clase. Por unha galiza soberana

No ano 1889, no 1º congreso da Segunda Internacional, celebrado en París, acordouse instituír o 1º de Maio como DÍA DO INTERNACIONALISMO PROLETARIO, converténdose así este día na data de referencia na que o movemento obreiro internacional, de forma solidaria, pasou a denunciar a explotación de clase reivindicando a mellora das súas condicións de traballo e de vida e un sistema económico e social máis xusto e igualitario.

Pois, 130 anos despois deste histórico acordo, a explotación de clase no mundo, non só non ten diminuído senón que se está a incrementar de forma significativa na última década, utilizando o capital, por medio dos gobernos e institucións financeiras ao seu servizo, diferentes mecanismos para executala: baixada dos salarios, incremento do desemprego e a temporalidade, ritmos de traballo totalmente abusivos, aumento da xornada laboral en fraude de lei, fomento da figura dos falsos autónomos, unha fiscalidade ao servizo das rendas máis altas e das grandes fortunas, a privatización de empresas e dos servizos públicos, etc.

O modelo, pois, de precarización xeneralizada do mercado laboral non é algo coxuntural, motivado pola crise económica, trátase dunha política estratéxica do capital a implantar a nivel mundial, por medio da cal busca incrementar a súa marxe de beneficios, sobreexplotar á clase traballadora, individualizar as relacións laborais e así debilitar e dificultar a organización dos traballadores e traballadoras.

Nun país colonizado como Galiza, estas políticas neoliberais e precarizadoras do mercado laboral, están a incrementar a sobreexplotación da nosa clase traballadora, acentuando a situación que desde sempre padecemos, baixos salarios e pensións; deficiente cobertura en materia de servizos públicos; altos índices de temporalidade e accidentes laborais; emigración permanente; pobreza sistémica; espolio do noso aforro, materias primas e enerxía eléctrica. . .

A sobreexplotación da clase traballadora galega, ou a colonización de Galiza, e todo o que iso representa, ten unha razón de ser de carácter estrutural que non se resolve vía reformas puntuais, esixe de medidas estruturais profundas que pasan por superar o sistema capitalista e rematar coa nosa dependencia económica e política. Para iso, é preciso proceder a socialización dos medios de produción, garantir a participación de toda a sociedade galega nun reparto igualitario da riqueza, tanto a natural como aquela creada pola nosa forza de traballo, e rachar cos mecanismos de colonización da nosa nación, o cal pasa por facer realidade a plena soberanía política para Galiza.

Animamos ao conxunto da militancia partidaria e á nosa base de simpatizantes a participar activamente nas manidestacións que a CIG ten convocadas no conxunto da nación baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na Galiza empregos, salarios e pensións dignas”. Unha boa oportunidade para denunciar a situación de pobreza, desemprego, explotación e emigración que se está a padecer na Galiza.

VIVA A CLASE TRABALLADORA GALEGA,

VIVA GALIZA CEIBE E SOCIALISTA,

VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO.