1º de Maio. Polos dereitos da clase traballadora. Pola soberanía nacional
Neste ano 2020 a celebración do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, ven marcada pola situación de emerxencia sanitaria, social e económica ocasionada polo Covid-19. O conxunto do nacionalismo facemos un chamamento a manter o carácter reivindicativo e combativo da data esixindo a protección da clase traballadora, que a situación económica non orixine unha nova e maior degradación das condicións de vida e traballo das clases populares e tamén demandamos capacidade real da nosa nación para facerlle fronte a esta situación, soberanía nacional.
Nese sentido Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG, sinalou que cómpre mobilizarse para exixir “políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora, o benestar das maiorías sociais, pero tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións, para construír un mundo moi necesitado de solidariedade, cooperación, igualdade e paz”.
Denunciou que aínda que o covid-19 ataca a poboación en xeral, “o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por igual a todas ás clases sociais”, polas grandes desigualdades económicas e a inxustiza social, consecuencia “das devastadoras políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira”.
Lembrou que a crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social que ademais ten lugar cando “xa estabamos dentro dunha recesión económica”. Por iso advertiu que non se pode permitir “que desta nova crise neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo á clase traballadora”.
Así mesmo o BNG ten elaborado unha proposta para facerlle fronte ao coronavirus que incide nesas ideas e que permanece aberta ás aportacións dos distintos sectores e actores sociais. Máis recentemente Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG, presentou unha proposta de acordo para a reconstrución social e económica da Galiza e defendeu no Parlamento adaptar os orzamentos á nova realidade social e económica. Do mesmo xeito na última intervención no Congreso dos Deputados Néstor Rego avanzou propostas do BNG para unha saída social e xusta da crise, entre elas, recuperar o fondo de rescate bancario, reducir o gasto militar, impostos ás grandes fortunas ou nacionalizar as corporación dos sectores estratéxicos da economía. O noso Secretario Xeral defendeu a ruptura coa actual UE insolidaria e antisocial para poder construír unha Europa verdadeiramente social, democrática e dos pobos.
Así pois, animamos ao conxunto da militancia da UPG e aos nosos simpatizantes a difundir e defender socialmente estas propostas e participar activamente nas accións que a CIG ten convocadas para este 1º de Maio, nomeadamente, a pendurar das xanelas e balcóns bandeiras da patria e vermellas e a entoar, ás 12:00 horas do mediodía a Internacional.