1º de maio. Por unha saída galega xusta da crise
A CIG conmemora este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, cun total de 16 manifestacións e concentracións –a central en Vigo-, en todas as cidades e en múltiples vilas da xeografía de galega baixo o lema “Por unha saída galega xusta da crise”. Un lema que, segundo explicou o secretario xeral, Paulo Carril, resume as principais demandas da central sindical para enfrontar a crise económica que viñamos padecendo, agudizada agora pola pandemia.
Nese sentido Carril considerou que é imprescindíbel derrogar as reformas laboral, da negociación colectiva, das pensións, das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que, “seguen en vigor e están sendo utilizadas para enfrontar a crise neste intre”. Reformas que, denunciou, están tendo “graves consecuencias para a clase traballadora galega”.
Mais tamén advertiu de que se pretenda facer fronte a esta situación acudindo aos fondos europeos “a través dunha nova e dura secuencia de reformas como as que xa se anuncian, cun novo ataque ao sistema público de pensións” ou que a débeda pública xerada “torne en recortes dos servizos públicos, sen ter desmanteladas as políticas que levaron a unha privatización importante dos mesmos”.
Por iso considerou imprescindible levar adiante un auténtico plan de recuperación económica, social e industrial que xere emprego e dignifique as condicións laborais e de vida das galegas e galegos”. Políticas que augurou que terán que ser reclamadas na rúa este Primeiro de Maio e polas que haberá que intensificar a mobilización en diante.
O secretario xeral da CIG denunciou ademais que o goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos “siga actuando ao ditado destas políticas neoliberais nacidas da crise de 2008”, mais “disfrazadas cunha enorme propaganda” e presentadas a través da “lacra do diálogo social”. Políticas que están favorecendo a conta de resultados das empresas e as elites económicas que “ven na saída da crise unha avantaxe”, precisamente pola vixencia das reformas.
O secretario xeral da CIG responsabilizou tamén ao goberno de Feixó de “contribuír de forma decidida ao proceso de destrución dos nosos sectores produtivos e dos nosos sectores industriais e empresas estratéxicas”, con comarcas enteiras afectadas, sobre todo no Norte de Galiza, por mor dese proceso de descarbonización e dixitalización.
Acusou ao Presidente da Xunta de aplicar unha “política suicida” utilizando ademais “de forma autoritaria a súa maioría” para aplicala provocando un “agravamento da situación” como consecuencia da súa “submisión e dependencia aos designios de Europa e de Madrid”.
Animamos a toda a militancia da UPG, simpatizantes e ao conxunto do pobo galego a participar nos actos que a CIG ten convocados para este 1º de maio como mellor maneira de facerlle fronte a actual situación que padecemos e afortalar unha alternativa nacional e popular na Galiza.
Texto tirado da web da CIG (Máis información)