O 21 de marzo mobilizacións en contra do Plan Forestal do PP

A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, formada por máis de 40 organizacións arredor do País, como a CIG, FRUGA e ADEGA; convoca para o vindeiro domingo, día 21 de marzo, ás 12:00 horas, unha acción descentralizada en demanda da paralización do Plan Forestal imposto polo PP.

A moratoria do eucalipto anunciábase escasas horas despois de se aprobar o novo Plan Forestal Galego que a Plataforma ten denunciado, de forma reiterada, que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado.

O Plan fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040; e aumenta aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado máis do dobre das previsións para 2030.

Tamén queren acabar cos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización, abandono e desertificación. Esta proposta de organización forestal aumenta a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.

Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais nen formular solucións para as causas estruturais dos incendios.

Por iso se demanda, con esta acción descentralizada que se desenvolverá en 22 localidades galegas, a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e  na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural. Animamos á militancia do Partido e ao conxunto do pobo galego a participar nestas mobilizacións. 

 

ACCIÓNS DESCENTRALIZADAS

Betanzos, Praza de García Hermanos

Ferrol, diante do Edifizo Administrativo da Xunta

Santiago de Compostela, diante da sé da Presidencia da Xunta de Galiza( Praza do Obradoiro)

Melide, Xardíns do Cantón de San Roque

Lugo, diante do Edificio da Xunta de Galiza

Becerreá, diante do Concello

Chantada, Praza do Cantón

Vilalba, Praza do Templete

Ourense, diante da Delegación Provincial do Medio Rural

Verín, diante do Concello de Verín

Xinzo de Limia, na Praza Maior

Vigo, sede da Xunta, praza da Estrela, Rúa concepción Arenal 8

Pontevedra, na Praza da Ferrería

Cangas, diante do Concello

Bueu, diante do Concello

Moaña, diante do Concello

Vilaboa, diante do Concello

Marín, diante do Concello

Vilagarcía, praza de Ravella

Cercedo-Cotobade, Praza do Concello

Tomiño, Praza do Seixo

Nigrán, Explanada de San Campio, A Ramallosa