25 de novembro. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O nacionalismo galego desenvolve diversas campañas e actuacións vinculadas ao 25N e ao combate e á loita contra a violencia machista.

A CIG lanza unha campaña para identificar e combater a violencia contra as mulleres no traballo

A CIG desenvolverá este ano unha campaña centrada na violencia exercida no traballo contra as mulleres baixo o lema “É acoso, é violencia machista no traballo”. Unha violencia silenciada, da que apenas hai datos e ignoran as institucións. Esa mesmao día a Secretaría das Mulleres das CIG ten previstas asembleas de delegadas e delegados para abordar esta cuestión e convocará mobilizacións en cidades e vilas, todas ás 12:00 horas. O obxectivo é visibilizar “unha violencia silenciada, da que non se recollen datos nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais para a toma de conciencia social”.

Así o explicou, en rolda de prensa, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen sinalou que no Macroinquérito elaborado en 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero “non se aborda de forma específica a violencia no traballo” e só se indica que de entre as 9.568 mulleres maiores de 16 anos, o 6,6 % sufriron violencia sexual no traballo e que o 17,3% identifican o agresor como persoa do entorno laboral.

A estes datos engadiu os extraídos pola Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que realizou un inquérito a 42.000 mulleres de 28 Estados, das que o 55% foron vítimas de acoso sexual ao menos 1 vez desde os 15 anos. Un estudo do que se tira que o 32% destes acosos sucederon no contorno laboral e que o 90% das persoas acosadas no traballo son mulleres.

A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que as denuncias por acoso son mínimas, xa que o 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que está padecendo. “A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido”.

A este respecto recolleu os datos tirados do informe de 2015 da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo, que revela que no Estado español só se denuncia un 8% dos casos de acoso mentres que na UE a media é de 14,9%. “As empresas incumpren coa obriga de teren un protocolo para a prevención e tratamento do acoso” asegurou, incumprindo así a Lei de Igualdade, en vigor desde 2007.

Por iso, dada a gravidade da situación, Castro Monteiro adiantou que nas asembleas de delegadas e delegados que se convocarán o propio 25 de novembro, previas ás concentracións, “imos insistir na necesidade de pór en marcha as medidas necesarias para esixirmos a elaboración destes protocolos, a súa difusión e os mecanismos tanto preventivos como de resolución de denuncias”. Isto xunto coa información de que se pode denunciar fóra da empresa, na IT ou nos xulgados.

Máis información da campaña da CIG

O BNG apela na súa campaña do 25N á implicación dos homes na loita contra todas as formas de violencia machista

O BNG presentou a súa campaña nacional con motivo do 25N,  coa que este ano quere “interpelar aos homes para que nos activemos na denuncia, no combate e na loita contra a violencia machista, en todas as súas manifestacións e en todas as súas formas”, segundo indicou o responsable de Comunicación, Xavier Campos. Explicou a escolla deste enfoque para a campaña porque a violencia machista é exercida por homes, dentro do sistema patriarcal no que vivimos e, “polo tanto, nós entendemos que o lóxico é que o papel dos homes sexa tamén posto no centro do debate e no centro das solucións a este problema”.

Tamén dende esta perspectiva, recordou que, habitualmente, as campañas tanto institucionais como doutro tipo, adoitan centrarse en “responsabilizar dalgunha maneira ás mulleres na denuncia e en poñer fin ao círculo dunha violencia que padecen, pero que non exercen”, mais o BNG entende que “este non pode ser o único enfoque”.

Logo de manifestar que “somos conscientes de que esta campaña poida resultar incómoda a algúns homes”, recalcou que se a violencia machista existe “é porque hai homes que a exercen e entendemos que chegou o momento de que nós deamos un paso adiante na loita contra esta violencia e que non hai escusas para non facelo”.

Así pois, a campaña, que se desenvolverá fundamentalmente nas Redes Sociais e na Internet dende hoxe e ata o propio 25N, reproducirá a través de distintas imaxes e contidos, situacións que todas e todos podemos recoñecer nas nosas contornas cotiás como diferentes manifestacións deste tipo de violencia -dende ás manifestacións físicas, ata aquelas de carácter psicolóxico ou simbólico- e que se da en todos os planos, tanto no afectivo ou sexual, como no sociolaboral.

Máis información da campaña do BNG

Animamos ao conxunto da militancia da UPG, simpatizantes  e ao conxunto do pobo galego a participar nestas campañas así como nós actos que a CIG e o movemento feminista galego ten convocado para este dia e que relacionamos a continuación:

Nesa xornada terán lugar, pola mañá, as convocadas pola CIG, nos seguintes lugares e horarios:

A Coruña Diante da Delegación do Goberno español 12.00 horas
Ferrol Diante do edificio da Xunta 12.00 horas
As Pontes Praza do Hospital 12.00 horas
Compostela Complexo advo. de San Caetano 12.00 horas
Ribeira Praza do Concello 12.00 horas
Pontevedra Diante da Subdelegación do Goberno español 12.00 horas
Vilagarcía de Arousa Diante do Servizo Galego de Colocación 12.00 horas
Vigo Diante do edificio da Xunta 12.00 horas
Lugo Diante da Subdelegación do Goberno español 12.00 horas
Ourense Diante da Subdelegación do Goberno español 12.00 horas

Pola tarde terán lugar as convocadas polo movemento feminista galego, contra a violencia machista e a necesidade de combater a xustiza patriarcal, nos seguintes lugares e horarios (tedes máis información, manifesto etc., en: http://feminismo.info/feminismo/blog/25n-combater-a-xustriza-patriarcal-para-acabar-coa-violencia-machista/ )

A Coruña 20.00 horas Manifestación desde o Obelisco
A Estrada 20.30 horas Diante do Concello
As Pontes 20.30 horas Praza do Hospital
Betanzos 20.00 horas Detrás do palco da música
Carballo 20.00 horas Praza do Concello
Carnota  19.30 horas Praza de Pedra
Catoira 20.00 horas Adro de Catoira
Cee 20.30 horas Praza 8 de marzo
Celanova 19.30 horas Praza Maior
Cervo 20.00 horas Praza dos Campos (San Cibrao)
Chantada 20.00 horas Praza do Cantón
Compostela 20.00 horas Praza 8 de marzo
Fene 17.00 horas Praza do Concello
Lalín 20.30 horas Km0
Lugo 19.30 horas Diante do Xulgado
Melide 20.00 horas Praza do Convento
Muros 20.00 horas Diante do Concello
O Porriño 20.00 horas Praza do Concello
Ordes 21.00 horas Alameda
Ourense 12.00 e 20.00 horas Pola mañá diante dos Xulgados novos e pola tarde Manifestación desde a Subdelegación do Goberno
Pontevedra 20.00 horas Peregrina
Val Miñor 20.00 horas Cruce da Ramallosa
Vigo 20.00 horas Manifestación desde Vía Norte
Vila de Cruces 20.30 horas Praza do Concello
Vilaboa 19.30 horas Diante do Concello
Vilagarcía 20.30 horas Praza de Galiza
Vilalba 20.30 horas Praza da Constitución