25 de xullo de 2024. 60 aniversario da fundación da UPG
Un ano máis o nacionalismo convoca ao conxunto do pobo galego a celebrar colectivamente este 25 de xullo o Día da Patria Galega. Este ano 2024 é para a militancia da Unión do Povo Galego unha celebración especial, pois nun 25 de xullo de 1964, fai 60 anos, fundábase o noso Partido en Santiago de Compostela.
Nace a UPG por iniciativa dun reducido número de persoas nun momento no que non hai partidos nacionalistas galegos, xa fosen burgueses ou pequeno-burgueses. É, pois, a primeira resposta organizativa do nacionalismo galego despois da Guerra Civil. Aparece nun momento histórico caracterizado pola emerxencia da burguesía monopolista española –década dos sesenta– e co obxectivo de romper coa inactividade política e organizativa do galeguismo culturalista.
O camiño da UPG non foi fácil desde entón. A súa orixe, o campo que tivo que cobrir e a falta de continuidade organizativa do nacionalismo histórico anterior levaron a UPG a ter que cobrir ou promover campos e alternativas a un tempo frentista e partidarias. No foi a nosa unha traxectoria fácil. Desde ese inicio no ano 1964 até a realidade actual dun movemento político, sindical e social patriótico, con forte presenza e capacidade de intervención social, foron moitas as dificultades, as loitas, as conquistas, os esforzos. Moitos os triunfos e tamén as derrotas. Moitos os pasos adiante. Moitas, sobre todo, as persoas que se teñen implicado activamente para construír colectivamente un movemento político capaz de conquistar a liberdade da nosa Patria.
60 anos representa unha longa traxectoria de loita para unha forza política como a nosa. E, sobre todo, confirma que o proxecto político que representamos como Partido e aquel en que nos integramos como patriotas, son proxectos políticos sólidos, que responden á necesidade obxectiva de nos dotarmos como povo de instrumentos propios para podermos romper as cadeas e camiñar cara a un futuro de liberdade.
E neste 25 de xullo de 2024 reafirmamos o noso compromiso inquebrantábel de loita constante en prol dun único obxectivo: unha Galiza libre e sen explotación. Un obxectivo que sabemos difícil e complexo. Nada máis e nada menos que o de romper con 500 anos de dominación colonial sobre o noso País, de conquistar a independencia nacional e de construír na nosa patria unha sociedade radicalmente nova, xusta, libre, democrática, igualitaria, unha sociedade socialista.
Así pois, animamos ao conxunto da militancia, a base social nacionalista e ao conxunto da sociedade a secundar a manifestación que convoca o BNG esta próxima quinta feira, 25 de Xullo, e que sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “A forza deste País”
Facemos tamén un chamamento ao conxunto da sociedade a pendurar a bandeira galega de xanelas e balcóns coincidindo con esta semana do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para celebrar e sentir o orgullo do que somos e de pertencer a esta nación.