25 de Xullo, Día da Patria Galega. Independencia para a Galiza avanzar

Un ano máis o nacionalismo convoca ao conxunto do pobo galego a celebrar colectivamente o Día da Patria Galega.

Animamos a conmemorar esta celebración sumando cada vez máis pobo no camiño da autodeterminación, na certeza de que só tendo soberanía política seremos quen de facer fronte ao retos que como pobo temos por diante. Nun momento complexo no social e económico fica claro que só a independencia da nosa nación garantirá ser capaces de desenvolver as respostas adecuadas para enfrontar a actual situación e camiñar cara un futuro de xustiza e benestar para o noso pobo.

Así pois, animamos ao conxunto da militancia, a base social nacionalista e ao conxunto da sociedade a secundar a manifestación que convoca o BNG esta próxima segunda feira, 25 de Xullo, e que sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha”

Facemos tamén un chamamento ao conxunto da sociedade a pendurar a bandeira galega de xanelas e balcóns coincidindo con esta semana do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para celebrar e sentir o orgullo do que somos e de pertencer a esta nación.

Lembrar tamén que como todos os anos Galiza Nova organiza unha homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao no Parque de Bonaval o 24 de xullo, a partir das 17h.

Viva o 25 de Xullo!

Viva o Día da Patria Galega!!