50 anos da AN-PG
Neste ano 2025 fanse 50 anos da constitución da Asemblea Nacional-Popular Galega, AN-PG. Foi en abril de 1975, aproveitando a porta de liberdade que se abría para a loita pola liberación nacional galega coa Revolução dos Cravos, cando nacía na cidade de Porto a Asemblea Nacional Popular Galega, a primeira organización de masas do nacionalismo galego.
O noso partido, a UPG, tivo un papel sobranceiro no nacemento da AN-PG. Coa aparición en 1974 da Xunta Democrática de España, que defendía para a Galiza o Estatuto de Autonomía do 36, a UPG mostrou a súa oposición a tal formulación, considerándoa desaxeitada por sucursalista, e ineficaz por colonialista, xa que non contemplaba o dereito de autodeterminación nacional. Así pois, no terreo práctico, o noso Partido dirixiu os seus esforzos a levantar unha alternativa democrática, patriótica galega e anticolonial, que consistiu na promoción e creación en 1975 da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta organización serviu de rápida expansión social do nacionalismo popular e de aumento da súa capacidade de mobilización. Era a primeira formulación dunha fronte patriótica, alicerzada na defensa da soberanía nacional e do anticolonialismo.
É por iso que o vindeiro sábado 5 de abril a Fundación Galiza Sempre conmemorará os 50 anos da súa fundación nunha xornada que terá lugar no Hotel Oca Porta do Camiño desde ás 10h. A continuación podes consultar a programación completa:
- 10h Benvida
- Rubén Cela, Presidente da Fundación Galiza Sempre
- 10:15h 1975 – 1977 A consolidación do nacionalismo popular galego
- Lois Diéguez, Portavoz da AN-PG de 1977 a 1982
- Presenta Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova
- 11:15h Presentación e proxección do vídeo 1975-2025. 50 anos da AN-PG, 50 anos da alternativa nacionalista
- Lucía Veciño, Técnica da Fundación Galiza Sempre
- 11:45h Pausa-café
- 12:15h Do pobo e para o pobo. A articulación dunha alternativa frentista
- Xulia Canoura, activista contra a central nuclear de Xove
- Francisco Jorquera, Secretario Nacional de ERGA nos anos 84 e 85
- Manuel Dacal, membro dos Comités de Apoio á Loita Labrega
- Modera Carme Vidal, xornalista
- 13:15 1982 O nacemento da unidade nacionalista
- Francisco Rodríguez, membro da Comisión Xestora da Fronte que deu lugar ao BNG
- Alfredo Suárez Canal, militante da AN-PG e moderador da asemblea fundacional do BNG
- Modera Olaia Ledo, membro da Executiva Nacional do BNG
- 14:15h Clausura
- Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG
- 14:30h Xantar de convívio
*Para participar, e por motivos tanto de aforo como de organización, é imprescindíbel a previa inscrición a través do correo fgs@galizasempre. gal antes do mércores 2 de abril.
