50 anos do asasinato de Moncho Reboiras

O 12 de agosto de 1975, a policía española asasinaba a sangre fría ao noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, derradeira vítima do franquismo en Galiza. A súa morte é o exemplo máis cruel da encarnizada persecución que padeceu a militancia da UPG durante o treito final da ditadura. Unha brutal represión coa que o réxime español pretendía aniquilar a determinación patriótica de quen apostaban na loita por unha Galiza libre, soberana e socialista, así como o seu empeño permanente en dotar ao povo galego de forzas propias, sen dependencias alleas, en todos os ámbitos. Acreditando na autoorganización como único vieiro para as clases traballadoras da Galiza conquistarmos un futuro que o Estado español e a súa clase dominante nos negan.

Así, ante a chegada do 2025, presentouse a pasada sexta feira en Compostela o comité organizador dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu asasinato. Formado este polas fundacións Moncho Reboiras, a Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e a Galiza Sempre. Anunciáronse unha serie de actos e actividades conmemorativas (publicacións, arte, mocións nos concellos) para dar a coñecer a figura de Reboiras, no seu aspecto persoal e político. Ademais, presentouse o Comité de Honra da iniciativa, formado por vinte e unha persoas que tiveron relación con Moncho Reboiras e que participaron con el da militancia e actividade política, no que destacan varios camaradas.

Elvira Souto, Xesús Seixo e Francisco Rodríguez, esta sexta feira na presentación en Compostelada da iniciativa. (Foto: Arxina)

Dende a UPG damos a benvida a esta iniciativa fundamental para dar a coñecer os sacrificios que Moncho Reboiras e outras tiveron que facer para construír moitas das ferramentas coas que hoxe en día conta o povo galego para lograr unha Galiza libre e socialmente xusta. Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista,  recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós na reivindicación da súa memoria nestes 50 anos do seu asasinato.

Para máis información: Nós Diario