III Asemblea Nacional da FRUGA. Dez anos na defensa do rural galego. Homenaxe a Milucho.

A Federación Rural Galega FRUGA, levou a cabo a súa terceira Asemblea Nacional o pásado sábado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo sob o lema “Dez anos na Defensa do Rural Galego”, nos que celebrou os seu décimo aniversario como organización. Posteriormente celebrou un xantar de homenaxe aos precursores do sindicalismo agrario nacionalista.

Nesta Asemblea, a FRUGA fixo un balance destes dez anos de traballo, abordando unha actualización do seu programa de defensa do rural galego e das súas bases organizativas, definindo cales son os principais retos do presente e do futuro do rural galego e como afrontalos dende a organización nacionalista. Para tal fin debatéronse e aprobáronse os catro relatorios presentados na asemblea, así como aprobáronse as adaptacións estatutarias necesarias após dez anos de existencia.

Na asemblea escolleuse unha nova e renovada Xunta Directiva na que entran por primeira vez 14 novas persoas. Foron reelixidos  Manuel Da Cal Vázquez como coordinador xeral e Xurxo Álvarez como presidente da FRUGA. Papel importante tamén os de Elías Somoza como coordinador do sector gandeiro, Roberto Ribas no sector vitivinícola, Gabriel López en ecolóxico e horta e Iván Bello como adxunto á secretaría.

Homenaxe a “Milucho” e ás persoas precursoras do agrarismo nacionalista

O xantar despois da Asemblea serviu para render homenaxe a aquelas persoas que foron os precursores do nacionalismo agrario galego fundando Comisións Labregas, que traballaron no final do franquismo na constitución dos primeiros núcleos do sindicalismo agrario nacionalista.

Entre as figuras homenaxeadas, destacaron a Emilio López Pérez ‘Milucho‘, un dos fundadores de Comisións Labregas, que tamén foi deputado autonómico co BNG e delegado de Medio Rural en Lugo durante o bipartito. Na homenaxe contouse coa participación de Lois Diéguez e a lectura dun poema escrito para a ocasión e o agasallo dun deseño orixinal de Xosé Lois “O Carrabouxo” e unha insignia co anagrama orixinal das Comisións Labregas.