60 anos de loita pola soberanía da Galiza e o socialismo. XVI Congreso da UPG

Este domingo 7 de xullo no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a Unión do Povo Galego, UPG, celebra o seu XVI Congreso.

Baixo o lema “60 anos de loita póla soberania da Galiza e o socialismo”, a UPG celebra este domingo o seu XVI Congreso. O lema escollido recolle a idea central do seu traballo como Partido e unha mención especial a unha efeméride importante, a conmemoración neste 2024 do 60 aniversario como organización política. Para unha organización como a Unión do Povo Galego cumprir 60 anos de traballo ininterrumpido a prol da transformación social da Galiza e da súa independencia nacional non só é un motivo de orgullo para o conxunto da súa militancia, se non tamén que pensamos, modestamente, que é un fito histórico para a nosa nación.

O 25 de xullo de 1964 formalizábase na capital da Galiza a constitución da Unión do Povo Galego como organización nacionalista e antiimperialista que se marcaba como obxectivo fundamental a loita pola autodeterminación da Galiza. 60 anos despois, a UPG -partido integrado no BNG desde a súa fundación- continúa a considerar como chave a loita pola soberanía nacional, recollendo nas súas teses a debate neste Congreso a vixencia do proxecto antiimperialista e emancipatorio que define o programa político da UPG.

O Congreso márcase como obxectivos os seguintes:

– Actualizar as análises sobre a situación política da Galiza e as posicións do nacionalismo neste contexto, definindo as liñas de intervención mais adecuadas para os próximos anos, de modo que permitan colocar o movemento nacionalista nun papel determinante no noso País.

– Actualizar tamén as análises sobre a situación internacional e no Estado, especialmente nun contexto de crise social e económica e inestabilidade como consecuencia da política belicista impulsada polo imperialismo.

– Contribuír para un debate necesario sobre o mellor modo de reactivar e mellorar a capacidade de intervención social e política do movemento nacionalista galego, nun escenario de grandes desafíos tanto político-institucionais como sociais.

– Realizar as achegas precisas para robustecer ideoloxicamente o nacionalismo, reforzando o perfil propio e a súa referencialidade no combate ao espolio do País, ás políticas antisociais impostas e, en xeral, ás consecuencias da dependencia política da Galiza, desde o cuestionamento claro do modelo constitucional e autonómico, visando o alargamento da súa capacidade de iniciativa e de fornecer alternativas de futuro.

– Fortalecer o Partido do punto de vista político, ideolóxico e organizativo, de forma que sexa unha ferramenta cada vez máis útil á clase traballadora galega e á causa da soberanía da Galiza. Mellorar o funcionamento partidario e debater co conxunto da militancia sobre as nosas posicións, fortalecendo a coherencia interna en beneficio dunha intervención política máis eficaz.

– Impulsar o crecemento militante do Partido e da UMG así como o debate político e ideolóxico no Partido e no nacionalismo, prestando atención á formación da nova militancia nacionalista, que debe ser unha prioridade.

O Congreso do Partido será una oportunidade para fortalecer a posición partidaria, en defensa dos traballadores e traballadoras galegas e para avanzar na loita que está a trabar o nacionalismo pola hexemonía social a camiño da soberanía.

O actual secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou en declaracións a Nós Diario que “a defensa da soberanía é a razón de ser da UPG e do nacionalismo galego. Os problemas estruturais do país, derivados da falta de soberanía e da dependencia colonial fan imprescindíbel unha alternativa como a nosa”. Neste punto, considera que “é máis necesaria que nunca unha posición antiimperialista como a que defende a UPG e o BNG, fronte a unha esquerda europea moi desarmada ideoloxicamente”.

No que ten a ver  coa realidade internacional, Rego apunta que “o novo contexto internacional está marcado pola agresividade do imperialismo, que se resiste a perder a súa hexemonía diante dunha nova orde internacional multipolar  que se abre, impulsada por países que fan da defensa da súa soberanía o eixo das súas políticas”. Destaca que “a nivel internacional a contradición principal sitúase entre a defensa da soberanía nacional e o imperialismo”.

A escalada bélica, con Palestina e o leste de Europa como puntos quentes, o papel da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e a posición da Unión Europea (UE) nesta nova conxuntura son algunhas das cuestións obxecto de debate. A UPG outorga un papel chave á OTAN nesta nova dialéctica. Ao tempo, analiza criticamente o papel da UE e conclúe que “nunca foi ningún contrapeso aos Estados Unidos como defendía parte da socialdemocracia europea. Tampouco un aliado en pé de igualdade. É unha  sucursal. Unha caste de protectorado anglonorteamericano que traballa en moitas ocasións mesmo en contra dos intereses obxectivos da propia UE”. Nesta perspectiva, Rego indica que “a Unión Europea é cada vez máis submisa cos Estados Unidos”.

Nas teses destacase a “primacía real do eixo Galiza-España” fronte á “polarización esquerda-dereita” na actual conxuntura estatal. Nesta orientación, apúntase  que “a radicalización para a dereita exprésase en primeiro lugar en posicións cada vez máis ultraespañolistas” e analízase que non hai “ningún tipo de ruptura no bloque  constitucional”. Así, sinálase que naquelas cuestións que son consideradas por ambas as formacións [PSOE e PP] como “políticas de Estado, mantense unha unidade básica”. Nesta derivada, as teses consideran que “na Galiza non é posíbel facer política transformadora sen ser en chave nacional”.

A UPG márcase como liña impórtante de traballo para o vindeiro período a loita social e o reforzamento das organizacións sociais do campo nacionalista. A este respecto, aposta polo “fortalecemento dos movementos sociais”,  “especialmente no que ten a ver coa loita sindical, o feminismo, ou o ecoloxismo, así como o tecido cultural do país e a defensa da lingua. Aliás, é  necesario aumentar os esforzos para fortalecermos o movemento xuvenil nacionalista”, sinalan as treses a debate.