8 de marzo. Día internacional da muller traballadora.

Desde hai máis de un século, o 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e loita das mulleres para exixir igualdade de dereitos. Mais nos últimos anos a conmemoración desta data está a tentar ser utilizada por parte do capitalismo de forma banal, comercializándoa, aproveitando para nos vender produtos, converténdoa nunha data de celebración e de felicitación estereotipada, para lle tentar tirar o carácter – que sempre tivo e continuará a ter- de combate e denuncia da situación de opresión e explotación das traballadoras, e da discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de o seren.

A conmemoración do 8 de marzo foi unha proposta da Segunda Conferencia de Mulleres Socialistas que tivo lugar en 1910, cando delegadas de 17 países, en representación de sindicatos, partidos operarios e organizacións de traballadoras fixeron un chamamento a loitar contra a precariedade, a servidume, o acoso sexual e a escaseza de alimentos, o dereito ao aborto, ao voto das mulleres, etc.

Na Galiza, o espírito combativo das mulleres e o carácter social e popular da súa loita ficou patente co seu papel protagonista nas protestas labregas e populares do primeiro terzo do século XX: de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo. Como galegas non debemos esquecelo agora que comemoramos o centenario das revoltas Narón e Ferrolterra de 1918: grupos de mulleres organizaron motíns de subsistencia e protestos  contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos,  enfrontadas aos poderes públicos, aos patróns, aos caciques e á garda civil, percorreron as rúas en manifestacións e actos públicos protagonizados en exclusiva por elas. Unha loita tantas veces esquecida, neste país colonizado, e que debe ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos.

Recollendo ese facho, este 8 de marzo, as galegas botaremos man da ferramenta que temos as traballadoras, a folga, no marco dun Paro Internacional de Mulleres, que na Galiza foi convocado pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o pasado 29 de xaneiro, con paros laborais  de dúas horas de duración en cada quenda (de 0 a 2 da madrugada, de 12 a 14 horas, de 19:30 a 21:30 horas) abandonando nun momento da xornada o que esteamos a facer, deixando de producir para o sistema,  visibilizando o espazo que deixamos baleiro, o traballo achegado polas mulleres para o seu recoñecemento e denunciando o efecto das políticas neoliberais e do heteropatriarcado sobre os dereitos das mulleres. Mobilizámonos  contra as políticas neoliberais postas en marcha pola socialdemocracia e os gobernos da dereita, como resposta á crise económica, contra as reformas laborais e de pensións e as políticas ultraconservadoras que pretenden facer recaer nas mulleres todo o peso do traballo doméstico e de coidados que o estado destrúe ou privatiza.

Imos á folga contra a explotación que sufrimos como clase e pola opresión que padecemos por sermos mulleres e galegas: contra a fenda salarial que na Galiza é de 22,3% (o que supón que unha muller ingrese 4.513 € menos ca un home) ou a das pensións (que é de 36,8%, pois as galegas cobramos 394,65€ menos de xubilación que os homes). Aliás, cómpre ter en conta que esta brecha xa se suma á que existe entre a Galiza e España, pois o noso País ten dos salarios e pensións máis baixas do Estado como consecuencia da situación de dependencia política que padecemos como nación.

Imos á folga porque 20,7% das asalariadas percibiron uns ingresos inferiores á metade do salario mínimo; 21% das mulleres traballan a xornada parcial (fronte a 6% dos homes); porque a taxa de temporalidade feminina é de 28,7%; 35% dos contratos rexistrados a nome de mulleres na Galiza duraron menos dunha semana; 98.300 galegas están desempregadas, e 40% leva máis de dous anos nesta situación, isto supón que só 47% perciban algún tipo de prestación.

Imos á folga  como resposta a sermos a nación do estado que máis demandas presentou diante da vulneración de dereitos relacionados coa conciliación e para denunciar que desde o ano 2009, reduciuse a poboación activa entre as menores de 35 anos en 79.600 mulleres, moitas das cales tiveron que emigrar.

O 8 de marzo foi e será unha data de combate da clase obreira galega, coas mulleres traballadoras á fronte da loita, polos nosos dereitos. Contra o rexime e a patronal que sosteñen as condicións de explotación e opresión contra todas nós. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Para concienciar a sociedade que o noso papel non é subsidiario. Que somos a metade da Galiza, a metade do mundo. Que abonda xa de conmemoracións hipócritas no 8 de marzo, que este é un día de combate contra o capitalismo colonial, que o mundo non xira igual se paramos as mulleres.

Viva a loita das traballadoras galegas! Viva o feminismo galego, de clase e combativo!