A caída do ano 1967

A historia dunha forza política como a Unión do Povo Galego, que nace e medra na clandestinidade, neste caso na oposición ao fascismo, é necesariamente unha historia de represión e sufrimento. Unha páxina destacada nesta crónica de loita e terror vai ser o reparto masivo de propaganda esixindo a liberdade para Galiza e a detención de varias ducias de galegos no Nadal de 1967. Sirvan estas letras para clarificar algúns dos feitos da vida do Partido, fuxindo da categoría de anécdota, agardando que contribúan a ir construíndo a historia do mesmo, tarefa até hoxe postergada, unhas veces polo recato, outras polo desleixo e as máis polo sectarismo de quen gozan co monopolio da sapiencia sobre o tema.

O 23 de decembro de 1967 Galiza amenceu ateigada de propaganda, distribuída na totalidade das súas cidades e tamén nunha boa parte das súas comarcas nas que se reclamaba a liberdade do noso País. O obxecto do delito non era nin máis nin menos que un rudimentario autocolante, elaborado sobre etiquetas que se utilizaban e utilizan para escribir o enderezo postal, no que cunha imprenta caseira, desas que se usan hoxe para os xogos infantís, estampouse o lema “Libertade pra Galicia”. A propaganda en cuestión, fora elaborada pola sección madrileña da UPG cuxa responsabilidade recaía en Bautista Álvarez, daquela o Partido organizábase en trepias, aproveitando as vacacións de Nadal para introducir o material en Galiza. Non é casual que a responsabilidade sobre a elaboración, traslado a Galiza e posterior distribución recaese no grupo madrileño da UPG, posto que naquela altura o groso da militancia da organización, e tamén a parte máis activa, concentrábase na capital da metrópole. Tanto é así que o Partido no interior de Galiza non pasaba das dúas ducias de militantes, basicamente concentrados en Vigo, ficando a súa capacidade operativa moi limitada após a escisión de 1966, encabezada por Xosé Antonio Arxona, que rematou coa integración deste e da totalidade da organización universitaria no recentemente constituído Partido Comunista de Galicia.

A reacción do aparello represivo ao importante despregue propagandístico realizado naquela xornada do 22 e 23 de Decembro por parte da UPG vai ter como consecuencia a detención dun número importante de persoas ao longo e ancho do país. A Coruña, Ferrol, Vigo, onde será rexistrada a sede da Agrupación Cultural, Lugo, Ourense, Monforte, Escairón, A Rúa do Petín, foron testemuñas da acción das forzas de orde pública, que interrogaron, retiveron e nalgúns casos torturaron a homes e mulleres, vinculados ou non, co reparto do referido autocolante. A grande maioría destas persoas, serán de seguido postos en liberdade, outros pasarían semanas na cadea, para ser posteriormente liberados sen cargos, só catro deles, que foran detidos mentres realizaban o reparto, pasaron a disposición do Tribunal de Orde Pública (TOP). Non sería esta a primeira vez, nin tampouco a última, que as siglas da UPG se citaban no edificio de Salesas, posto que uns meses antes xa compareceran no mesmo, sobresaíndose a causa, algúns militantes do Partido. É de sinalar a solidariedade co conxunto dos detidos por parte da colectividade galega de América, non só no plano dos posicionamentos públicos, onde debemos referir ao Consello de Galiza, a Irmandade Galega de Bos Aires, a Irmandade Galega de Caracas ou  aos Padroados de Cultura Galega de México e Montevideo, senón tamén presionando aos representantes políticos dos países de acollida, como no caso de Uruguai, onde os bos oficios de Canabal trouxeron consigo unha petitoria de liberdade por parte do Parlamento para os galegos na cadea.

O último acto desta caída da UPG terá continuidade no procesamento de Antonio Bernardo, avogado de Vigo, Xoán Soto, estudante de Xornalismo, Domingo “Lino” Ventosinos, estudante de Agrónomos, e Manuel Murado, estudante de Filosofía, no Tribunal de Orde Pública, sendo condenados todos eles a penas menores. A causa será presidida polo Maxistrado Mariscal de Gante, antigo voluntario da División Azul, posteriormente morto a mans de Euskadi Ta Askatasuna e que correrá tamén co procesamento dos dirixentes do 68 compostelán. A defensa dos nacionalistas recaerá en Gregorio Peces Barba e naquel toledano, militante da UPG, chamado Manolo Conde. Manolo Conde, figura senlleira da UPG madrileña, xerente da Editorial Santillana e principal promotor da primeira discográfica galega, Edigsa Xistral, aínda que Licenciado en Dereito, nunca antes exercera a avogacía polo que se colexiaría para a ocasión. A defensa de Conde, para desgusto e temor dos imputados ao seu cargo e escándalo de Mariscal de Gante, aforrou en razoamentos xurídicos e centrou a súa intervención nunha crítica ao réxime franquista. Outro tanto faría unha das testemuñas da defensa, hai que reparar que os tres detidos en Lugo eran estudantes en Madrid (Murado, Soto e Ventosinos), o veterano nacionalista Ben-Cho-Shei. Este, desterrado en 1937 de Lugo na súa condición de dirixente do Partido Galeguista e residente en Madrid, respondeu polos tres mozos e cos seus 70 anos ao lombo, non dubidou en chantarse diante do Presidente do Tribunal cando este lle demandou silencio posto que “en esta sala non hai cabida para la propaganda separatista”. Lonxe de calar elevou a súa voz para afirmar a pé seguido que “en Galicia no hay separatistas, sino separadores y no le debe extrañar que en mi País se mire con desconfianza y tambien con odio todo lo que viene de Madrid”.

A caída de 1967, xulgada na causa 614-67, provocará un efecto contraditorio no futuro inmediato do Partido. Se ben serviu para aumentar o prestixio do mesmo nos núcleos de oposición ao franquismo, e particularmente entre os vellos nacionalistas enfrontados a Galaxia ou os exiliados, tamén vai provocar un retraemento a hora de organizarse no mesmo, fundamentalmente entre as persoas mozas, posto que ficaba acreditado que opoñerse ao franquismo traía custes. Así e todo, hai que sinalar que este golpe represivo non tivo apenas efectos na estrutura da UPG, como ficaría probado na campaña desenvolvida en Xullo de 1968 para convocar, por primeira vez desde o inicio da ditadura, o Día da Patria Galega. [ XREM ]