A UPG presente en México no XIX Seminario Internacional “Os partidos e a nova sociedade”

Os días 12, 13 e 14 deste mes de marzo, celébrase na cidade de México o Seminario Internacional “Os partidos e a nova sociedade” que  desde hai 19 anos analisa a situación internacional e a función das organizacións políticas na construción de sistemas sociais alternativos ao capitalismo. Neste importante foro de debate e reflexión participan representantes de gobernos, organizacións políticas e sociais, analistas internacionais, intelectuais e estudosos de moi diversas materias.

O seminario que engloba un espectro ideolóxico e xeográfico moi variado ten dous eixos marcantes que son o anti-imperialismo e a concepción de que a posta en marcha de procesos políticos transformadores ou de nación só é posíbel coa construción dun instrumento político articulador.

Nesta 19 edición do seminario, ademais de proceder a unha análise dos cambios producidos na rexión e no mundo como consecuencia do aumento en intensidade da política agresiva dos Estados Unidos, prestará especial atención aos movementos que nos últimos anos deron lugar a diversas alianzas a nivel rexional e mundial, alianzas que buscan facer fronte  á hexemonía estadounidense e á súa concepción dun mundo unipolar.

Galiza leva xa uns anos participando neste seminario, con asistencia da Fundación Moncho Reboiras dependente da CIG e da UPG que aportan a súas visións sobre os temas de debate ao tempo que dan a coñecer a realidade política e social de Galiza. Nesta ocasión é a UPG quen asiste, representada por Duarte Correa, secretario de relacións internacionais da UPG, e presentará unha comunicación sobre a loita fronte á Unión  Europea e a reivindicación da soberanía como elemento que caracteriza a todos os procesos políticos contrarios ao neoliberalismo e á actual orde mundial.