Acordos do Comité Central de marzo de 2023

O Comité Central da UPG reunido o pasado 4 de marzo aprobou o documento que vai a continuación a respecto da nosa análise para o contexto actual e as propostas de actuación política para ese contexto. O documento está sendo sometido a debate nas asembleas comarcais do Partido que se están a desenvolver no conxunto da nación.

Estamos, con certeza, perante un ano decisivo, quer polo facto de termos pola frente dous procesos electorais chave, quer pola situación social complexa e os conflitos que debemos enfrontar. É por iso que o Partido e o nacionalismo deben estar o mellor preparados posíbel para abordar con éxito estes desafíos e, para iso, é fundamental analizar o contexto acertadamente e presentar as propostas adecuadas. Esa sempre foi unha fortaleza do nacionalismo. De feito, a evolución social e económica confirma as análises e os prognósticos que viñemos facendo e sitúanos como a única alternativa real para mudar a situación. Eis, sucintamente, algunhas claves.

1.- A escalada inflacionaria continúa, sen perspectivas de que finalice no curto prazo e coa posibilidade mesmo de se agravar como consecuencia do empecinamento belicista da OTAN e da Unión Europea e da negativa de gobernos como o español a adoptaren medidas de mudanzas estruturais que puideren afectar os intereses das grandes corporacións. O mes de xaneiro acabou cunha inflación de 5,9 (+0,2) -na Galiza 6,4%-, unha inflación subxacente de 7,5% e nos alimentos 15,4. O dato adiantado do mes de febreiro volta a indicar un aumento até 6,1 (+0,2) e a inflación subxacente até 7,7 (+0,2). Aliás, o incremento dos tipos de xuro tamén continúa; o BCE anunciou que voltará a subilos novamente no mes de marzo e o euribor acabará febreiro en 3,5. Todo indica que camiñamos para unha desaceleración económica no conxunto da UniónEuropea -mesmo con risco de recesión técnica-, do mesmo modo que no Estado español e na Galiza, no noso caso, agravada por máis altas taxas de inflación, por unha crise industrial prolongada, polo espolio do noso País e pola falta de capacidade política para reaxir. En calquera caso, as clases populares galegas están a ser serveramente castigadas por esta situación, que poderá aínda agraverse.

En consecuencia, o nacionalismo debe manter unha atención permanente ás consecuencias desta crise e unha actividade constante de denuncia da actitude dos gobernos español e galego e de fornecemento de propostas e alternativas. Mesmo, como viñemos facendo, de liderar as respostas e os conflitos derivados e sacalos á rúa sempre que for posíbel.

2.- Tamén continúa a escalada belicista, e tamén se agrava como consecuencia das decisións que está a adoptar o imperialismo por medio da OTAN e co seguimento servil da Unión Europea, especialmente co envío de armamento pesado -tanques Leopard 2 e Abrams, mesmo abrindo a porta a entregar avións de combate- o que coloca en risco real a implicación directa dos países da alianza atlantista na guerra ou de que esta escale para un conflito nuclear. O seguidismo submiso do goberno español, que decidiu enviar os tanques mesmo sen que fose debatido e votado no Congreso, para alén das consecuencias económicas da prolongación da guerra, coloca o Estado español en risco real de entrar no conflito.

Frente a isto, coa mesma coherencia con que sempre o fixemos, o nacionalismo debe denunciar con firmeza os intereses que hai por detrás desta guerra e a utilización que está a facer o imperialismo norteamericano para os seus propios intereses, alimentando a súa industria armamentista, conseguindo o aumento do gasto militar nos estados europeos afíns, reforzando a OTAN, exacerbando a propaganda pro-imperialista, sometendo aínda máis unha Unión Europea que se comporta como apéndice dos EUA e recruando a confrontación cos estados que non se aliñan co bloque ‘ocidental’. En todo o caso, como viñemos facendo, defendendo sempre a Paz e unha saída acordada, pola vía diplomática, do diálogo e a negociación. Aliás, é necesario continuar co esforzo de esclarecemento entre o pobo galego e, particularmente, entre a base social nacionalista dos intereses que ahi por trás deste conflito.

3.- Neste contexto de especiais dificultades para as clases populares galegas e para as maiorías sociais do Estado español, as grandes corporacións, especialmente banca e enerxéticas, continúan a facer negocio de forma escandalosa coa aquiescencia cómplice do “goberno máis progresista da historia”. A grande banca “pulveriza records” e gaña 20.850 millóns en 2022, uns 28% máis. Só os dous grandes -Santander e BBVA- suman 16.000 millóns en lucros. Pola súa parte, as 3 principais eléctricas -Iberdrola, Naturgy e ENDESA- aumentaron os lucros até 8.386 millóns de euros, 30% máis do que en 2021. No entanto, o Goberno español, empurrado pola presión social e política, “lava a cara” cun máis que benigno gravame aos “beneficios extraordinarios” de bancos e enerxéticas, mais recusou sempre non xa nacionalizar as grandes eléctricas, senón sequera modificar a regulación do sistema eléctrico ou estabelecer topes aos prezos da electricidade, dos combustíbeis ou aos xuros das hipotecas.

Frente a isto, o nacionalismo debe continuar a esclarecer os intereses políticos e económicos a que responde esta actitude do Goberno PSOE-UP -no fundamental coincidente coa do PP- e a reclamar banca pública galega, colocar o sector enerxético sob control público, empresa pública galega de enerxía, tarifa eléctrica galega ou tope aos prezos no mercado final.

4.- Aliás, o Goberno español é neste momento, o principal impulsor do grande negocio das eléctricas e do espolio enerxético do noso País, facilitando a implantación sen control de proxectos de parques e megaparques eólicos na terra e no mar. No caso da eólica mariña, chegando mesmo a se iniciar a tramitación de proxectos antes de seren aprobados os Plans de Ordenación dos Espazo Marítimos (POEM) e abrindo con estes a porta á instalación de parques que afectarán moi negativamente o noso medio mariño e a actividade da nosa frota pesqueira. No caso da terrestre, eliminado directamente (RDL 20/2022) a necesidade da Declaración de Impacto Ambiental -excepto en rede Natura- e da participación cidadá, permitindo que sexan as empresas as que elixan onde se instalar sen reparar no impacto ambiental, patrimonial ou socio-económico que puideren provocar.
Debemos ter claro que este é un dos conflitos máis relevantes que ten que enfrontar o nacionalismo no presente e nos próximos tempos. Para alén de esclarecer o evidente carácter colonial deste boom eólico que sofre o noso País, temos que esforzarnos por organizar a resposta social e liderar un conflito desde posicións que poden ser largamente partilladas e que mesmo lle están a crear contradicións a PSOE e PP. No caso do mar, cun contundente rexeitamento á implantación de parques (“Galiza libre de eólica mariña”) que só o nacionalismo está a defender.

5.- Mais tamén este “Goberno progresista” está a desenvolver ou consolidar políticas de recortes sociais ao ditado da Unión Europea. Primeiro foi a non derrogación da reforma laboral do PP, mantendo as facilidades para despedir ou o abaratamento do dos despedimentos; despois a primeira reforma das pensións, que consolidou os recortes de 2011; a segunda, que dá un paso máis na privatización, e agora anuncia a terceira, que suporá -se for adiante- un novo recorte nas contías das pensións futuras. Reformas das pensións e (non) reforma laboral (mesmo tamén o anuncio de portaxes nas autovías para 2024) fan parte da mesma lóxica e do mesmo paquete de recortes decidido pola UE que o Goberno -tanto UP como PSOE- están a executar.

Recortes tamén, por certo, nos dereitos e liberdades públicas: ao incumprimento do compromiso de derrogación da Lei Mordaza -este é o Goberno que máis a utilizou- súmase unha modificación do Código Penal que agrava o delito de “desordes públicas”, o que posibilitará o incremento da represión contra as protestas sociais e a disidencia política.

Para o nacionalismo galego, tanto político como sindical, enfrontar con decisión esta política de recortes -especialmente nas pensións- é chave para defender os intereses dos traballadores e traballadoras galegas e para deixar en evidencia as políticas antisociais dos gobernos españois e da UniónEuropea. Este é un dos conflitos máis importantes dos que debemos facer causa neste período.

6.- É tamén neste escenario de extremas dificultades económicas e sociais; de crise industrial e democráfica; de espolio dos nosos recursos, do noso aforro, dos nosos impostos; de crecemento das desigualdades, de perda de peso do noso País, que máis se pon en evidencia as consecuencias da dependencia política e da falta de capacidade real para decidir en función dos própios intereses. Estamos diante dun goberno do Partido Popular que non asumiu -nin reclamou- unha soa competencia nova en 14 anos e que se agora elabora unha lei de xestión do litoral -sen reclamar a capacidade de ordenación- é por intereses espúreos. E diante dun Partido Socialista que tanto aquí como en Madrid están moi cómodos nesta situación porque responden á mesma lóxica sucursalista e concordan plenamente no papel secundarizado e dependente que teñen atribuído ao noso País.

Neste ámbito o nacionalismo ten o seu campo de xogo natural, en que pode singularizar o seu perfil e facer pedagoxía soberanista. É aliás, unha necesidade perentoria para o noso País avanzar se non quere seguir esmorecendo. Por iso, sen deixar de marcar o obxectivo da soberanía sempre que for posíbel, é preciso traer a primeiro plano, tentando relacionalo con situacións concretas, a necesidade de asumir todas as competencias legalmente previstas, especialmente aquelas politicamente máis significativas como tráfico, seguranza viaria e seguranza pública -co despregamento da policia galega-; salvamento marítimo; portos, aeroportos e infraestruturas de interese xeral, ou ordenación do litoral. Tamén defender a necesidade dun novo modelo de financiamento sobre a base do concerto económico, coa capacidade para lexislar en política fiscal e de arrecadar todos os impostos no noso País, unha competencia chave para poder financiar adecuadamente os servizos e as políticas públicas.

Para alén do máis, é preciso manter a coherencia nun discurso público acorde coas análises e textos acordados, que singularice e fortaleza o perfil próprio nacionalista. Nesa liña, a defensa dun novo estatus político para a Galiza debe ser peza central e continuada da acción social e institucional nacionalista, coa perspectiva de que, se for o caso, sexa a máis relevante das propostas a ser desenvolvidas desde o Goberno galego.

7.- Nesta liña, un dos principais conflitos abertos que temos no noso País é o da sanidade pública, que ten moito a ver coas políticas de precarización, e desmantelamento impulsados polo Partido Popular para promover a privatización. Mais tamén co infrafinanciamento do conxunto dos servizos públicos.

Este é un conflito que entronca directamente cunha sensibilidade social maioritaria -mesmo que nen sempre se exprese politicamente concoherencia- e que o nacionalismo ten de alimentar e liderar, colocando o foco nas políticas privatizadoras do PP mais tamén -senlle tirar a este ningunha responsabilidade, porque tamén aquí hai concordancia entre as forzas do bipartidismo tradicional- apuntando para a necesidade dun novo modelo de financiamento que permita achegar os recursos necesarios para unha mellor atención a este servizo público esencial. Esta é, ademais, unha loita que debilita de forma importante o Partido Popular.

8.- Tamén no ámbito da lingua e dos sinais de identidade temos desafíos importantes por diante. Os últimos datos do censo do INE indican que o galego deixaría de ser a lingua de uso maioritaria do noso País, en canto que os fornecidos con anterioridade polo IGE a manteñen como tal mais xa perto do bordo. En calquera caso, unha situación límite que, para alén de factores sociolingüísticos que temos historicamente analizados, é consecuenca das políticas de desnacionalización conscientemente desenvolvidas polos gobernos do Partido Popular, especialmente nos últimos 14 anos.

Isto debe levarnos a reaxir con coherencia e constancia en defensa da lingua, procurando sempre a eficacia práctica. A lingua non pode nin debe ser elemento circunstancial da nosa intervención institucional ou da nosa acción de goberno en concellos e deputación. Nin tampouco recurso de resposta política ás frecuentes agresións recibidas. Temos que facer dela elemento central das nosas políticas e motivo de actuación permanente. É fundamental lograr unha participación moi relevante nas mobilizacións do próximo 17 de maio, mesmo que decorran en campaña electoral. Mais, para alén dese día, temos que despregar unha intervención sostida no tempo en prol da plena normalización da lingua galega.

No mesmo sentido, é necesario prestar a máxima atención á ILP para a restauración da letra orixinal do Himno nacional impulsada por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura e apoiar activamente a recollida de asinaturas, aproveitando para divulgar entre a nosa militancia e base social a forma correcta do noso Himno.

En todo o caso, dada importancia da cuestión, é preciso impulsar un debate no conxunto do nacionalismo sobre a lingua, a estratexia a seguir e as mellores acccións -quer desde o goberno, quer desde a oposición- para avanzar na recuperación social e na normalización plena do noso idioma.

9.- Entre os desafíos políticos que temos por diante son, con certeza, centrais os procesos electorais que van decorrer neste ano 2023. En primeiro lugar, as Eleccións Municipais. Xa analizamos en anteriores documentos que, para alén do obxectivo de asegurar unha posición sólida do nacionalismo no territorio e tamén de que se visualice unha forza política que continúa crecendo e avanzando, as municipais son tamén son unha oportunidade para alargar o nacionalismo organizado por todo o País. Pola outra parte, as Xerais -que decorrerán en decembro- son a ocasión de fortalecer a presenza do nacionalismo en Madrid.

Ora ben, non só por decorreren no mesmo ano mais tamén porque a dinámica estatal así o impón, temos que velas como dúas etapas dun mesmo proceso electoral continuado. Iso quere decir que precisamos de ir avanzando na definición e deseño da estrtexia electoral para as xerais, mais tamén que desde xa temos de procurar facer visíbel no ámbito local aquelas actuación desenvolvidas polo BNG que teñan a ver con competencias estatais, nunha dinámica que debe favorecer o fortalecemento das candidaturas nacionalistas nos concellos e reforzar o perfil do BNG para as xerais no obxectivo de contar cun grupo galego máis forte no Congreso e no Senado.

En todo o caso, nos discursos e orientacións de campaña das municipais é preciso tomar en conta todo o sinalado anteriormente coa situación de crise económica e social e coa conflitividade que xera. A nosa política municipal ten de se sustentar en proxectos locais transformadores, sólidos e adecuados, mais debe estar inserido no marco global político e social que a veciñanza percibe e no que teremos que posicionarnos cunha alternativa claramente nacionalista e radicalmente diferente ao modelo actual que representan outras organizacións políticas. As nosas propostas municipais teñen que facer parte dun proxecto nacional común e estar orientadas á defensa dos servizos públicos frente ás alternativas neoliberais e privatizadoras.

Aliás, é necesario colocar o foco na evidencia de que a participación e liderado do BNG e da súa militancia nos conflitos sociais -especialmente naqueles que mais fácilmente poden vincularse á realidade local ou comarcal, como a sanidade ou a eólica- contribúe tamén para o éxito electoral nas municipais, moitas veces de forma determinante.

Na mesma liña do xa sinalado, a conformación de candidaturas e o traballo de campaña das municipais deben permitir un traballo proactivo para achegarao BNG e incorporar á militancia nacionalista máis e mais persoas.

10.- A importancia das tarefas e desafíos que o nacionalismo ten por diante e a oportunidade de enfrontalos com éxito depende en boa medida da eficacia do próprio traballo e esforzo e require da activación da rede de militancia en todo o País, corrixindo a tendencia á desmobilización e ao acomodamento.

Nesa liña, consideramos vital mellorar o funcionamento organizativo do Partido e contribuír para dinamizar tamén o das organizacións nacionalistas en que perticipamos, impulsando sempre o debate, o funcionamento participativo e democrático e a plena implicación dos cargos institucionais no traballo político nos ámbitos local e comarcal.

 

Galiza, 4 de marzo de 2023