Acto nacional en conmemoración do 40 aniversario da UMG

Após unha xeira de actos en distintas comarcas do país de presentación do número especial deste ano do voceiro da UMG, o Guieiro, que conmemora o 40 aniversario da organización xuvenil do Partido, desde o Comité Nacional da UMG vense de lanzar un grande acto nacional co que dar peche a este ano 2017.

O acto terá lugar no Centro Social das Fontiñas (Compostela) o venres 1 de decembro ás 20:00h., e contará coas intervencións de Iria Figueroa, membro do Secretariado Nacional da UMG e Responsábel de organización de Erguer. Estudantes da Galiza; Adrián R. Bravo, Secretario Xeral da UMG; Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG e ex-militante da UMG, e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG e membro fundador da UMG.

As poñentes achegarán perspectivas de distintas etapas vividas ao longo destes corenta anos da UMG e mais unha análise do que representou e na actualidade segue a representar a UMG para o movemento xuvenil galego, tanto como escola de militancia comunista e nacionalista como a través do traballo nas organizacións de masas das que fai parte.