Acto nacional de tributo a Bautista Álvarez
Neste ano 2022 no que se cumpren cinco anos do pasamento do noso camarada Bautista Álvarez, o Comité Central da UPG acordou realizar un acto nacional de lembranza e tributo ao que foi figura fundamental para o nacionalismo galego e para o noso Partido.
Un home irrepetíbel e fundamental na construción da Galiza actual. Fundador da UPG, histórico dirixente nacionalista e figura central na historia política recente da nosa nación e sen o que sería imposíbel entender o movemento nacionalista e as análises e conceptualizacións que ese movemento construíu durante os últimos 50 anos.
O acto nacional terá lugar o sábado 22 de outubro a partir das 18h no Auditorio de Galiza en Santiago de Compostela. E a el convocamos ao conxunto da militancia da UPG e a todas as persoas e simpatizantes que queiran acompañarnos meta homenaxe.
Queremos seguir expresando o recoñecemento a un home excepcional, a unha persoa que entregou a súa vida á causa da liberación nacional e social do pobo galego e que o fixo con lucidez, con determinación e con coherencia até o final.
No acto de tributo faremos unha lembranza histórico política por distintas etapas da vida do noso camarada, poñendo en destaque a importancia da súa figura na construción e reforzamento do noso Partido e do conxunto do movemento nacionalista, así como tamén o seu papel fundamental na elaboración teórica e conceptual do nacionalismo galego contemporáneo.
A UPG convoca esta homenaxe desde a certeza de que quen dedica a vida a unha causa xusta non morre nunca, pois a súa memoria perdura no corazón do pobo. É por iso que Bautista permanece entre nós e a súa lembranza convócanos a este acto que non é mero ritual, pois á beira da inevitábel e necesaria dimensión humana que se nutre de momentos partillados, de amizade, de camaradaxe, ten unha profunda carga política. Tena, porque o contributo de Bautista Álvarez á causa da liberdade do pobo e da patria non expirou co seu alento derradeiro, senón que continúa alimentando e fertilizando a nosa loita pola independencia nacional, por unha Galiza soberana e socialista.