Sobre o agravamento da situación en Oriente Medio

Hai xa case un ano que o estado sionista de Israel vén intensificando a súa agresión contra o pobo palestino, no que xa ninguén pode dubidar xa que é un auténtico xenocidio. Unha agresión que nos últimos meses supera todo o coñecido até o momento en canto a número de persoas mortas e feridas e niveis de destrución, especialmente na franxa de Gaza pero tamén en Cisxordania.
Van máis de 40.000 palestinos e palestinas asesinados, e perto de 100.000 feridos e mutilados; e todo isto Israel faino coa complicidade activa dos EUA, da OTAN e de unha Unión Europea na que as escasas voces aparentemente discrepantes, realmente fan condenas en base a cálculos electoralistas pero nada máis.

Desgraciadamente a situación tense agravado e estendido nos últimos meses, coas actuacións de Israel en toda a rexión, atacando a unha representación diplomática de Irán en Siria, asasinando a dirixentes da resistencia palestina en Irán e o Líbano, e hai uns días con atentados indiscriminados no Líbano, atentados que foron planificados con meses de antelación polos servizos secretos israelís e que provocaron ducias de mortes e varios miles de persoas feridas; atentados seguidos por bombardeos que teñen provocado xa máis de 600 mortes.

Diante desta espiral provocada pola ansia de Netanyahu e do seu goberno de estender a morte e a destrución, a UPG fai o seguinte chamamento:

– Denunciar as distintas varas de medir da chamada comunidade internacional, tan presta a tomar medidas contra outros estados mentres permite desde hai décadas o xenocidio do pobo palestino.
-Manter a solidariedade galega co pobo palestino, tal e como se leva facendo desde hai case un ano con múltiples actividades en todo o país.
– Solidarizarse co pobo libanés que neste momento corre o perigo de ser invadido por Israel, o que suporía a reanudación da guerra sobre a que se acordou en agosto de 2006 un alto o fogo e a retirada das tropas israelís de territorio do Líbano .
– Participar na manifestación nacional que se celebrará o domingo día 6 en Conpostela, baixo o lema Galiza con Palestina, e na que xunto coa esixencia do dereito do pobo palestino a construir o seu estado, esixirase a fin das agresións israelís que poñen Oriente Medio ao borde do abismo.