Contra a agresión israelí. Con Palestina sempre!
Nas últimas semanas asistimos a distintos actos de provocación por parte das autoridades israelís contra o pobo palestino en Xerusalén, como foron as ameazas de expulsión das súas vivendas de varias familias na zona de Sheikn Jarrah ou os impedimentos en pleno Ramadán para que os fieis puideran asistir ao rezo na mesquita Al-Aqsa.
Estas provocacións, que se producen a poucos días do 73 aniversario da Naqba, considerado como Día da Catástrofe pola expulsión de 1 millón de palestinos das súas vivendas e das súas terras, levantaron as lóxicas protestas palestinas; unhas protestas que foron contestadas por parte do exército israelí con unha violenta represión que tivo como consecuencia centos de feridos. Represión que se convirte xa en aberta acción de guerra cos bombardeos que desde hai sobre a poboación civil da franxa se Gaza e as incursións de forzas militares israelís por toda Cisxordania. Neste momento son xa máis de 50 civís palestinos que resultaron mortos polos bombardeos, entre eles un número importante de nenos e nenas.
As provocacións, desaloxos, ocupacións de terras e operacións militares contra a poboación civil son executadas polo estado sionista con total impunidade desde hai anos, pois contan coa complicidade dunha comunidade internacional que asiste impasíbel ao sufrimento do día do pobo palestino.
Os Estados Unidos ademais veñen de reafirmar o seu papel de protector de Israel faga o que faga. Mentres o ministro de defensa israelí informaba de que tiña ordenado aumentar os bombardeos, procedendo ademais á mobilización de 5000 soldados da reserva, a administración norteamericana en vez que chamar ao cese da agresión, o que fixo foi culpabilizar aos palestinos da escalada de violencia, condenando e culpabilizando da situación á resposta de auto-defensa de sectores dun pobo que ve como están masacrando.
Israel busca acabar co pobo palestino e executando unha planificada operación que inclúe o asasinato de líderes, as operacións militares como as destes días, o bloqueo e o asentamento de xeito ilegal de colonos israelís en territorios dos que son expulsados os seus lexítimos habitantes…, incumprindo así os acordos internacionais e executando un verdadeiro xenocidio.
A Unión do Povo Galego esixe o inmediato cese da agresión israelí,denuncia a inacción dos organismos internacionais, encabezados polas Nacións Unidas, que son incapaces de poñer coto a un expansionismo israelí que é un grave perigo nunha rexión do mundo xa de por si convulsa.
Mostramos o noso total apoio ao pobo palestino, na loita por poder vivir nun estado propio verdadeiramente independente con capital en Xerusalén.
Facemos un chamamento á sociedade galega, que historicamente ten demostrado a súa solidariedade coa causa palestina, a intensificar esa solidariedade e a mobilizarse en esixencia do remate da agresión.
Compostela; 13 de maio de 2021
Secretaría de Relacións Internacionais da UPG